Temas: FRASEOLOXíA

“(Morro # Cara...) Que lle arrastra” ou “(Morro # Cara...) De aquí a mañá”, equivalentes a “(Morro # Cara...) Que se lo/la pisa”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 03/02/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Un dos diversos xeitos que existen no idioma para dar a entender que unha persoa ten moita desvergonza, ousadía ou procacidade consiste en dicir que ten un morro ou cara (e mesmo un fociño ou papo) que + oración completiva. E moitas veces escoitamos que esa oración completiva é que o/a pisa, calcando ó dereito a expresión castelá.

O dedo como símbolo para facer chamar a atención e poñer a liña a alguén
O dedo como símbolo para facer chamar a atención e poñer a liña a alguén

Pero dispomos tamén doutras expresións máis nosas que achegan esa mesma significación. Vexámolas:

(Morro # Cara # Jeta) Que se lo/la pisa

{= Expresión que se usa para salientar a magnitude do morro, cara, fociño ou papo dunha persoa naqueles casos en que eses substantivos se empregan como sinónimos de desvergonza, descaro, ousadía ou procacidade.}

(Morro # Cara # Fociño # Papo) Que lle arrastra

(Morro # Cara # Fociño # Papo) De aquí a mañá

[E TAMÉN]:

(Morro # Cara # Fociño # Papo) Que non pode con el/ela

(Morro # Cara # Fociño # Papo) De aquí a alá

Ex.: ¡Es que tu hija tiene un morro que se lo pisa, Sole!

¡É que a túa filla ten un morro [fociño # papo] que lle arrastra, Sole de aquí a mañá, Sole que non pode con el, Sole de aquí a alá, Sole!

Ex.: Es un personaje digno de lástima, pero al mismo tiempo hace gala de un morro que se lo pisa.

É un personaxe digno de mágoa, pero ó mesmo tempo fai gala dunha cara que lle arrastra de aquí a mañá que non pode con ela de aquí a alá.

NOTAS:

1. Con respecto á locución completiva que lle arrastra, resulta obvio que ese pronome dativo lle (correspondente a unha terceira persoa singular ou a unha segunda con tratamento de respecto) variará en función do suxeito gramatical, adaptándose a el. Ex.:

Teño un morro que me arrastra & Tes un papo que che arrastra & Temos unha cara que nos arrastra & Tedes un fociño que vos arrastra & Teñen un morro que lles arrastra.

2. Nótese a semellanza na imaxe entre a locución castelá que se lo pisa (ou que se la pisa, de se aplicar á cara) e a galega que lle arrastra, no sentido de que ambas dan a idea de que o morro –ou cara, fociño ou papo, empregadas todas elas, como dixemos, no sentido de desvergonza ou semellante– que ten a persoa da que estamos a falar é tan grande que lle chega ata o chan.

3. A locución de aquí a alá pode ir acompañada dunha indicación xestual consistente en estirar o brazo e sinalar co dedo índice unha localización afastada que dea idea dese “alá”.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 GalegON

Fóra do contexto que se traballa na sección nesta ocasión pero tamén coa palabra MORRO teu miña sogra unha expresión boísima para cando alguén está moi moi enfadado. "Ten un morro que se lle ata". Moi ilustrativa esta frase. Imaxinade o grado de enfado e cabreo que ten a persoa, saca tanto o morro como demostración de enfado que incluso se lle pode atar. Aquí queda a achega, que igua pode servir para cando se toque o tema dos #Enfados ou #Cabreos Parabéns pola sección!!

1 anonimo

Efectivamente, e cando menos pola zona de Baiona, si que está rexistrada a expresión de ter os morros que se lle atan cun cordel, para indicar enfado ou desgusto. Graciñas pola achega.