A solución para as pensións reclamadas a Noruega por mariñeiros galegos sairá en febreiro

Os antigos mariñeiros mercantes españois, entre eles 8.000 galegos, que reivindican pagas de retiro ao goberno noruegués, acudirán aos tribunais de Oslo en dúas semanas. O resultado deste xuízo será fundamental para outros colectivos que tamén reivindican os seus dereitos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O xuízo sobre o dereito a pensión para os mariñeiros galegos que traballaron na mariña mercante norueguesa, será na segunda semana de febreiro. Nestes momentos as partes que concorrerán aos tribunais en Oslo, defenden teses moi distintas. Por unha banda as autoridades de Noruega teñen como argumento base que a lexislación do seu país entre 1950 e 1994, non recoñecía o dereito de mariñeiros estranxeiros a recibir pensión de retiro por non teren cotizado á Seguridade Social do país escandinavo.

Manifestación de Long Hope reivindicando sus pensiones en Noruega
Manifestación de Long Hope reivindicando sus pensiones en Noruega

A outra parte, a dos mariñeiros, 12.000 en total, 8.000 galegos; recorren ás instancias xurídicas norueguesas para que haxa luz sobre uns feitos que eles consideran como un “engano”. A base para argumentar isto é a documentación que acredita o pagamento de cotas a sindicatos e impostos estatais de mariñeiros noruegueses. As cotas eran obrigatorias, como era obrigatorio militar nun sindicato. Xunto a isto, aseguran que o ocorrido naquel tempo podería ser unha violación da Carta Europea dos Dereitos Humanos.

O que haxa detrás dos convenios asinados no seu momento entre España e Noruega son cuestións políticas” di Xosé Manuel Carril, avogado que ten estudado as reclamacións dos mariñeiros mercantes. “No seu día, os armadores noruegueses alegaron que para seren competitivos non podían ter moitos gastos en cuestións de seguridade social”. A proposta dos armadores noruegueses fíxose mentres se tramitaban no parlamento do seu pais as leis que regularían o traballo da mariña mercante. A deducción que se pode sacar, é que había tanto intereses económicos como políticos por parte dos dous paises.

"LEI DO PABELLÓN"

A cuestión é que daquela non se aplicara a denominada “lei do pabellón”, pola que se entende un barco baixo determinada bandeira, como extensión dun territorio nacional a todos os efectos. Iso incluía tamén cuestións relativas a seguridade social, impostos, etc, pero neste caso foi unha aplicación excluínte, aplicábase a uns e non a outros. As diferentes fontes norueguesas que consultou Galicia Confidencial apuntaron sempre cara o punto legal. É dicir, as explicacións dadas desde o Ministerio de Traballo, Seguridade Social (NAV) e o sindicato da xente do mar Norsk Sjømannsforbund, é que a lexislación do país escandinavo en canto cotizacións para o retiro era aplicable aos nacionais noruegueses ou residentes no país, non para mariñeiros estranxeiros da mercante.

Concentración de mariñeiros galegos en Oslo, Noruega
Concentración de mariñeiros galegos en Oslo, Noruega | Fonte: Long Hope

Con todo, desde o sindicato da Xente do Mar, o seu secretario xeral, Johnny Hansen foi consultado por Galicia Confidencial, pois xa se apuntou que existía unha cota sindical, cuxos rexistros estarían en mans do sindicato. A cota viña parella á filiación obrigatoria ao sindicato, condición indispensable para ser contratado. Segundo fontes consultadas por este xornal o feito de que os mesmos sindicatos non prestasen atención aos mariñeiros estranxeiros, podería deberse a que as forzas sindicais se beneficiarían economicamente grazas ás condicións especiais para a mariña mercante. Non obstante, as preguntas feitas a Johnny Hansen tiveron como resposta o recurso á lexislación da época e que estivo en vigor para os mariñeiros europeos ata 1994, cando Noruega asina o tratado do Espazo Económico Europeo e tivo que aplicar as súas leis a todos os traballadores e traballadoras que viñan dos países asinantes.

Hansen, ademais de facer unha descrición das diferentes compoñentes lexislativas, declarou na súa resposta: “Noruega asinou un acordo de impostos con España en 2000. Debido a que o acordo non estaba en vigor antes de 2000, quere dicir que calquera imposto sobre a renda pagado a Noruega por mariñeiros españois servindo baixo bandeira norueguesa, poderían estar suxeitos a fiscalidade dobre, tanto en Noruega coma en España. Isto podía aplicarse a todas as nacionalidades que non residisen en Noruega e con países cos que  non había un acordo sobre impostos entre Noruega e o país de orixe dos mariñeiros estranxeiros”.  Logo desta resposta, e sendo coñecedores de que había un acordo bilateral entre os gobernos español e noruegués sobre dobre imposición asinado no ano 1963, preguntóuselle ao señor Hansen. O que contestou foi que non tiña coñecemento ningún sobre este punto, isto sendo el o máximo representante dun dos máis grandes sindicatos noruegueses e que recibira cotas de mariñeiros durante décadas.

DESPROTECCIÓN E DEREITOS HUMANOS

En tal caso, sexa como for, existen dous puntos que resultan relevantes. En primeiro lugar, que aínda habendo intereses políticos e mercantís entre os dous estados, logo de asinárense os diferentes tratados bilaterais anteriores a 1994, as fontes consultadas indican que houbo unha reformulación da “lei do pabellón” para outorgar “excepcións” a dita lei. Isto aplicouse despois da aprobación das leis laborais norueguesas en relación ao traballo na súa mariña mercante. O outro punto é que a posible presión de armadores e industriais relacionados co comercio marítimo en Noruega, fixo que este país non recoñecese o dereito a pensión de retiro para os mariñeiros estranxeiros, alegando a obrigatoriedade de residiren no país.

A desprotección dos traballadores foráneos aos que se lles estaría aplicando unha lexislación con carácter excluinte, entraría en conflito co Convenio Europeo dos Dereitos Humanos. Este convenio di que “a Seguridade Social se concibe como unha propiedade e por tanto no seu uso e disfrute non pode ser obxecto de discriminación” di Xosé Manuel Carril. Isto non obriga á creación dun sistema de cobertura público, o que si obriga é que no caso de crearse un sistema semellante debe cubrir a todos por igual. A excepción ou a exclusión de nacionais dun sistema público de cobertura tería que estar xustificado segundo o Convenio.  As datas poderían estar a favor dos mariñeiros galegos. O Convenio Europeo dos Dereitos Humanos entrou en vigor en 1953, dez anos antes do tratado bilateral mencionado nesta reportaxe.

Aínda así, se se permiten unha serie de excepcións nas coberturas dos sistemas públicos, a cuestión é: cal sería a xustificación de Noruega para non cubrir aos mariñeiros que hoxe reclaman as súas pensións? A súa lexislación? Acordos opacos entre administracións estatais? Lembrar que España recibía as remesas de diñeiro dos emigrantes en épocas de penuria, e iso era unha fonte moi preciada polo goberno do momento. Ademais, como sinalan fontes de Long Hope, “viñeron case que expresamente buscar mariñeiros moi ben formados e que eran unha man de obra barata”.

O vindeiro mes de febreiro saberase que dictamina a xustiza norueguesa. De momento unha nova fronte está aberta, antigos buzos que traballaron en Noruega tamén reclaman as súas pensións de retiro. De momento, o mesmo que os mariñeiros de aquí, as respostas remítense á lexislación e á dificultade de manexar esa documentación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta