O Goberno estatal afirma que non é competente para prohibir a caza

Responde así á pregunta remitida pola senadora de En Marea Vanessa Angustia, que facía alusión aos campionatos de caza de raposo das últimas semanas.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 30/01/2019 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

O Goberno sinalou que non pode responder á demanda de varios colectivos sociais que reclaman unha regulación "con maior intensidade" ou a prohibición da caza, xa que "non é competente" na materia, polo que non pode tomar esa decisión. Subliñan que as licencias para a celebración de eventos do estilo dos torneos de caza parten das autonomías.

Nunha resposta parlamentaria remitida por escrito á pregunta da senadora de En Marea Vanessa Angustia, o Executivo responde que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os diferentes corpos de Axentes Forestais e Ambientais en España están encargados de velar polo "adecuado cumprimento" das condicións legais e de seguridade das cazarías. Ademais, sinala que estes corpos están preparados para auxiliar en situacións de accidente ou calquera situación anómala que ocorra no desenvolvemento das mesmas.

A pregunta parlamentaria emitiuse o 29 de novembro por mor da iniciativa da Fundación Franz Weber, á que se sumaron 73.000 firmas sobre os malos tratos aos animais silvestres despois dun vídeo no que se podía ver como unha ducia de cans de caza e un cervo caían por un barranco durante unha batida de caza en Herreruela (Cáceres). Ademais dese exemplo, a senadora Angustia lembra tamén outros casos como campionatos ou "macrobatidas" de caza de raposo con cans, que se permiten en Galicia.

Imaxe do vídeo da cazaría. FAC - Arquivo
Imaxe do vídeo da cazaría. FAC - Arquivo | Fonte: Europa Press

Neste contexto, pregunta ao Goberno se vai tomar medidas despois da difusión do vídeo da cazaría de Cáceres, se ten previsto prohibir o uso de cans en batidas e se prevé tomar algunha medida lexislativa para prohibir o formato pseudodeportivo para fomentar os chamados campionatos de caza de animais silvestres.

Así, o Goberno lembra que as mandas de cans están reguladas polas normativas de caza e de sanidade animal das comunidades autónomas, de acordo coas súas competencias. Do mesmo xeito, engade que as autorizacións para celebrar campionatos son tamén competencia autonómica, dende onde as autorizan de acordo coa legalidade vixente. Insiste, iso si, en que os malos tratos animais é un delito tipificado no Código Penal.

Para a senadora, que forma parte da Asociación Parlamentaria en Defensa dos Dereitos dos Animais (APPDA), as imaxes mostran unha "crueldade inusitada contra a fauna salvaxe, que se repite en cada acción de caza e que supón un auténtico atentado ambiental e animal".

A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, sinalou o pasado 4 de decembro nunha entrevista radiofónica que, desde a súa "perspectiva persoal", está a favor de prohibir a caza e as corridas de touros. Esta afirmación foi contestada polo presidente da RFEC, Anxo López Maraver, que manifestou que coas súas declaracións, Teresa Ribeira, "só demostra unha total e absoluta ignorancia" da actividade cinexética e do mundo rural.

Posteriormente, a ministra precisou no Senado que se trataba dunhas "manifestacións estritamente persoais" e lembrou, ademais, ningunha destas dúas cuestións son competencia do seu Ministerio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta