Os tribunais dan a razón a dous profesores que non acudiron aos seus postos por horario excesivo

Os dous docentes estiveran atendendo unha actividade escolar do seu centro ata case as tres da mañá. Agora débeselles devolver os haberes retidos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

Dúas sentenzas xudiciais deron a razón a dous profesores que non acudiron a clase ao día seguinte dunha actividade extraescolar da que regresaron cos alumnos ás 02,45 horas da madrugada, en cumprimento da programación do centro.

Así o informou o sindicato CIG-Ensino, tras "gañar a segunda sentenza do ano 2019, que condena á Consellería de Educación á devolución dos haberes descontados por un día de ausencia ao traballo, cos intereses e as costas do proceso, sen que poida haber apelación".

En ambos os casos, as sentenzas cualifican a actuación da Administración de "temeraria" e contra o "sentido común", a proporcionalidade, boa fe e racionalidade, "principios xerais do dereito que vinculan o actuar das Administracións Públicas".

As sentenzas argumentan contra a actuación da Dirección e da Inspección e validan "totalmente a defensa practicada pola CIG-Ensino", incluída a aplicación da directiva europea 2003/88/CE que establece "un mínimo de 11 horas de descanso entre xornadas".

A CIG-Ensino, que espera outras dúas sentenzas semellantes do mesmo centro e polo mesmo motivo, valorou as actuacións no contexto de "unha mal entendida autoridade fomentada pola LOMCE e transformada nalgúns casos en autoritarismo". O sindicato mostrou a súa satisfacción pola defensa realizada e as sentenzas obtidas e lamenta que fosen "infrutuosas todas as xestións feitas para evitar a vía xudicial".

Centro de ensino
Centro de ensino

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta