A Xunta di estar estudando "excepcións" á prohibición de pastorear en zonas queimadas por dous anos

Medio Rural di que está seguindo as recomendacións da comisión sobre os incendios e sinala ao bipartito como o que aprobou a actual lexislación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 21:24

Comparte esta noticia


A Xunta afirmou que estuda a posibilidade de regular "excepcións" á prohibición de pastorear en zonas queimadas por un período de dous anos, unha norma que, segundo lembra a Consellería do Medio Rural, foi aprobada "polo goberno bipartito". O Goberno galego responde así á denuncia efectuada este mércores polo sindicato Unións Agrarias, que censurou a "culpabilización" dos gandeiros como causantes dos incendios, algo que considera "totalmente inxusto" e reclamou a modificación da Lei de Montes co fin de que permita o pastoreo unha vez rebrote a vexetación dos terreos queimados e non esperar dous anos para iso.

Así, Medio Rural sinala que a Xunta "está a seguir as recomendacións" do ditame da comisión sobre os incendios forestais celebrada no Parlamento galego, polo que estuda "regular" as prohibicións a pastorear en zonas "sempre que se acrediten perdas de difícil reparación pola prohibición do pastoreo ou a inexistencia de alternativas dentro da comarca" para estas prácticas. Ademais, o sindicato Unións Agrarias tamén denunciou que a aplicación telemática que utilizan os gandeiros para facer a solicitude das axudas da PAC (Política Agraria Común) da Unión Europea non permite sinalar parcelas que ardesen nun tramo de dous anos atrás, o cal cualificou unha "aberración" e "algo inxusto".

Respecto disto, a Xunta lembra que Europa "establece que non se poden facer pagos sobre superficies non admisibles para a agricultura, como ocorre cos terreos queimados". "Con todo, existen excepcións, cando a Administración forestal emite un certificado de que unha determinada superficie é susceptible de aproveitamento, a pesar de sufrir un incendio, por considerar que se recuperaron os pastos", sinala a consellería que dirixe José González.

Por último, o Goberno galego chama a afrontar a problemática dos incendios forestais con "seriedade e responsabilidade" por parte de "todos os axentes do rural". "Non se poden realizar acusacións sen probas a ningún colectivo pero é evidente que a inmensa maioría dos incendios son provocados e contra esta secuela temos que loitar todos xuntos", apunta. Así, lembra que o conselleiro mantivo reunións cos alcaldes do Macizo Central ourensán para abordar a problemática dos incendios, que arrasaron centenares de hectáreas nos primeiros días deste ano e que, segundo a Xunta, nun "90 por cento" dos casos foron "intencionados".

Incendios en San Mamede
Incendios en San Mamede

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Estocheira

Pobre galicia ahora si que vas arder