A redución de tarifas dos buses urbanos da Coruña entra en vigor este venres

O xulgado autorizou esta medida logo de que a Compañía de Tranvías solicitara a súa paralización. A maxistrada tivo en conta o interese público e entende que a baixada de ingresos non implica que a "explotación do servizo sexa inviable"

Por E.P. | A CORUÑA | 31/01/2019 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña denegou á Compañía de Tranvías a medida cautelar que solicitou para suspender a entrada en vigor da redución de tarifas do autobús urbano aprobada polo goberno local o pasado 28 de decembro, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Seguirase, entón, o programa previsto e entrará en vigor este venres.

A concesionaria demandou ao xulgado a paralización da baixada de prezos ata que non resolva sobre o recurso que presentou contra os acordos da Xunta de Goberno Local para rebaixar o prezo dos billetes.

Tras a decisión da xuíza de rexeitar esta petición, a redución entrará en vigor este venres, tal e como estaba previsto. A xuíza indica no auto, que foi notificado este xoves, que neste caso deben "ponderarse" os intereses públicos e privados en conflito.

ARGUMENTOS

Os intereses privados, segundo a maxistrada, veñen "todos eles constreñidos a prexuízos económicos que son facilmente avaliables e, por iso, resarcibles", mentres que o interese público "non resulta resarcible, porque os cidadáns que non se benefician da baixada de tarifas son innominados á hora de utilizar o servizo público".

Por iso, afirma que, no caso de que a sentenza fose desestimatoria, Tranvías embolsaríase "de forma improcedente unhas cantidades que non serían resarcibles aos prexudicados".

A xuíza indica que a concesionaria "nin invocou nin acreditou que con esa minoración de ingresos a explotación do servizo sexa inviable". Ademais, lembra que para que os prexuízos económicos amparen a solicitude de medidas cautelares a xurisprudencia esixe "que se proben adecuadamente os danos e prexuízos de imposible reparación, non bastando a mera invocación xenérica".

Autobús urbano da Coruña
Autobús urbano da Coruña | Fonte: MARC912374.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta