O BNG ve prácticas "mafiosas" no Sergas tras convocar unha praza na que xa se incluía o nome dun aspirante

Sanidade indica que se tratou de "un erro" porque se publicou un "borrador interno". O Bloque esixirá a dimisión ou o cesamento da xerente da área compostelá, curmá de Feijóo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego acusou á Consellería de Sanidade de prácticas "mafiosas" e de intento de "nomeamento a dedo" na convocatoria dunha praza para xefe de servizo na EOXI de Santiago ao publicar unhas bases nas que se incluíu o nome dun dos aspirantes e ata os seus "méritos", aínda que desde o Sergas limitan o feito á publicación "por un erro" dun "borrador interno".

"Non podemos aceptar que o PP normalice esta forma mafiosa de nomeamentos", actuando na "administración pública coma se fose o seu campo particular", con "nomeamentos a dedo de cargos de responsabilidade disfrazadas de pseudo convocatorias públicas", denunciou a deputada nacionalista Montse Prado.

A convocatoria, en concreto, referíase a a Xefatura de Servizo de Cirurxía cardiovascular da EOXI de Santiago de Compostela, publicada no Diario Oficial de Galicia o 5 de outubro de 2018. Na documentación incluíronse frases en primeira persoa, como "considero obxectivo prioritario" ou "presento experiencia acreditada" e menciónase, especificamente polo seu apelido, a un médico, que tamén é un dos aspirantes ao concurso.

As bases foron posteriormente retiradas e substituídas por outras, sen que se informase, denuncia o BNG, da "corrección de erros" no DOG e "desaparecendo a versión orixinal". Os nacionalistas tachan os feitos de "auténtico escándalo" e cargan as tintas contra a xerente da EOXI, "a curmá de Feijóo, Eloína Núñez".

"É un nomeamento a dedo da súa curmá Eloína Núñez, unha xerente que é moi contestada na EOXI de Santiago como xa o foi na de Ourense", agregou Montse Prado, que avanzou que os nacionalistas presentarán iniciativas esixindo a dimisión da xerente ou o seu cesamento "por moito que sexa a curmá" de Feijóo.

Para o BNG "non todo vale" e "por hixiene democrática" debe "asumir responsabilidades" quen "asina as bases", é dicir, a propia xerente. Polo tanto, piden que dimita ou, en caso contrario, que sexa cesada por parte do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a quen pedirán explicacións no Parlamento.

Aínda que puidese tratarse dun erro na publicación da convocatoria, os nacionalistas sosteñen que reflicte que "os responsables de convocar unha praza teñen documentación antes de que se publiquen as bases".

Enmarcan esta situación nun contexto no que o goberno da Xunta colocou a "persoas afíns" en postos directivos co obxectivo de ter "unha estrutura sanitaria sometida", que lle permita "camuflar as listas de espera", "implantar privatizacións", ter un "dique de contención fronte a protestas de profesionais e cidadáns" e ter "todo o control" con responsables que actúan como "auténticos 'influencers'".

"UN ERRO", SEGUNDO O SERGAS

Fontes de Sanidade consultadas por Europa Press explicaron que o DOG do 22 de outubro de 2018 xa publicou a modificación do anuncio do 20 de setembro de 2018 polo que se convocaba a provisión do posto de Xefe do Servizo de Cirurxía cardiovascular da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago.

Tal e como subliña o DOG, a corrección faise porque se advertiron erros no Anexo I: no Plan de Obxectivos das bases da convocatoria, que xa foron substituídos.

"Efectivamente por un erro, en lugar de publicar o documento de obxectivos da convocatoria, xuntouse un borrador interno que desenvolvía as liñas mestras sobre a posibilidade de implantación dunha área compartida entre os servizos de asistencia cardiológica da xerencia compostelá", explican desde o Sergas.

En todo caso, de momento a praza está sen asignar, debido á presentación dun recurso de alzada ao que se sumaron varias alegacións.

Bng Denuncia Fraude Cobertura Praza Xefatura Chus. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Bng Denuncia Fraude Cobertura Praza Xefatura Chus. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta