Piden a "mediación" da Xunta para axudar as auxiliares navais afectadas polo impago dos grandes estaleiros

En Marea solicita unha "intervención" do Executivo autonómico para que se poidan "reestruturar as débedas cos bancos"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

En Marea demandou á Xunta de Galicia que asuma un papel activo de "mediación" ante a situación "insustentable" na que se atopan 12 empresas auxiliares do naval, con 540 traballadores, ás que os grandes estaleiros do naval deben preto de 5 millóns de euros.

O portavoz de En Marea, Luís Villares,reclamou este xoves en Santiago ao Goberno galego "un traballo de mediación" co sector bancario, para "presionar ás empresas financeiras a renegociar a débeda". Villares estivo acompañado polo deputado Francisco Casal e os membros da Plataforma de afectados do sector naval.

Villares reivindicou que "a Xunta non pode mirar para outro lado" e, a través do Igape, tamén pode asumir un "papel activo" de "asesoramento da Lei de segunda oportunidade" para articular unha solución a un "sector punteiro en Europa, que produce emprego" e que ten carga de traballo na actualidade "grazas a estas empresas" auxiliares.

O portavoz de En Marea incidiu en que as auxiliares "non son responsables desta situación", porque tiveron "que facer fronte aos pagos da Seguridade Social, aos provedores e asumindo co patrimonio familiar estes custos". E na orixe situou o concurso do estaleiro Barreiras, debido á quita do 80% que se aprobou e que afectou especialmente ás pequenas empresas.

"Non pedimos unha condonación da débeda, o que esiximos é unha intervención pública para que poidan reestruturar as débedas cos bancos", explicou Villares, que tamén pide ao Goberno galego que cumpra o compromiso que asumiu hai xa dous anos de recibir á Plataforma.

Unha das consecuencias da situación que atravesan, alertou, é a "descapitalización" do sector e a entrada de "empresas foráneas" que asumen o traballo pero en condicións de "maior precarización" e "cero riqueza" para Galicia.

Pola súa banda, o deputado Francisco Casal advertiu do feito "inaudito" de que "os bancos estean revendendo os créditos a empresas de recobro polo 6%, mentres eles cobran o 10% de intereses, convertendo a súa situación nun verdadeiro drama, pois lles están trasladando aos fillos e as viúvas estas cargas".

"Os éxitos do sector non poden repercutir tan só nos grandes investidores e cando hai problemas derivalos a estas empresas, que representan o 80% do persoal do naval", denunciou Casal.

Hai xa 13 anos, asegurou o portavoz da Plataforma, Balbino Barcia, que se iniciou a falta de pagamentos que levaron a que 10 das 12 compañías da plataforma (a maior parte da comarca do Morrazo) estean sen actividade.

"Tras estes anos, dous compañeiros faleceron, unha das viúvas perdeu o piso,  os dous fillos doutra tiveron que deixar de estudar, a outro compañeiro deulle un infarto e a min tamén, que estou vivo de casualidade", describiu Balbino Barcia.

En Marea reúnese con representantes de empresas auxiliares do naval. EN MAREA
En Marea reúnese con representantes de empresas auxiliares do naval. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta