Detido un home por agresión sexual a unha muller á que a convidou a pasar a noite nunha infravivenda

A muller asegurou que o coñeceu de forma casual e convidouna a pasar a noite nunha infravivenda en Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

A Policía Nacional procedeu á detención dun home español de 53 anos como presunto autor dun delito de agresión sexual e outro de detención ilegal tras a denuncia dunha muller que asegurou que o coñeceu de forma casual e convidouna a pasar a noite nunha infravivenda en Santiago.

Automóbil da Policía Nacional no Obradoiro.
Automóbil da Policía Nacional no Obradoiro.

A Policía Nacional recibiu unha denuncia dunha muller, maior de idade, na que relataba ser vítima dunha suposta agresión sexual por parte dun individuo ao que coñecera de maneira casual e que a convidou a pasar a noite nunha infravivenda na que habitualmente residía na cidade de Santiago.

Tras acceder voluntariamente a pasar a noite no devandito lugar en compañía do presunto agresor, o home agrediuna sexualmente a pesar da súa negativa a manter relacións sexuais, relatan as mesmas fontes policiais.

Consumada a agresión e ante a "situación de bloqueo" que presentaba a muller, asegura a Policía, esta tentou abandonar a vivenda, impedíndollo o home "baixo ameazas", engade.

Unha vez conseguiu abandonar o lugar, a vítima acudiu á Comisaría de Policía Nacional de Santiago para formular denuncia. Foi atendida por axentes especializados da Unidade de Familia e Muller (UFAM) quen activaron o protocolo de actuación para casos de agresión sexual e iniciaron a correspondente investigación para a identificación, localización e posterior detención do presunto autor dos feitos.

Foi o pasado día 29 de xaneiro cando os axentes lograron identificar o presunto autor, o cal conta con múltiples antecedentes policiais, e proceder á súa detención e traslado a dependencias policiais, onde se tramitaron dilixencias. Pasou este mércores a disposición xudicial.

As intervención policial foi realizada por funcionarios adscritos á Brigada Local de Policía Xudicial e de Seguridade Cidadá da Comisaría de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta