Temas: MAR

'Helena' activa o aviso de risco extremo na costa galega

44 provincias en todo o Estado terán este venres avisos por vento, fenómenos costeiros, choiva ou neve. En Galicia prevense ondas de 9 metros de altura.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 31/01/2019 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

Un total de 44 provincias españolas, todas menos as de Canarias, Cataluña, Zaragoza e Teruel, terán este venres avisos por vento, fenómenos costeiros, choiva ou neve, segundo informou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) que activou o aviso vermello (risco extremo) por forte ondada en Pontevedra e A Coruña, onde poden rexistrarse ondas de 9 metros de altura.

Temporal en Galicia
Temporal en Galicia | Fonte: Miguel Núñez.

Ademais, terán risco importante (aviso laranxa) Lugo, Asturias, Cantabria, Biscaia, Guipúzcoa, Mallorca, Menorca, Eivissa, Formentera, Murcia, Almería, Granada, Málaga. Por este mesmo fenómeno terán risco (aviso amarelo) as provincias litorais de Castelló, Valencia, Alacante, Ceuta, Melilla, Cádiz e Huelva.

Tamén manterán activo o aviso laranxa por ventos, que poderán alcanzar os 100 quilómetros por hora en Pontevedra, A Coruña, Lugo e Almería, e o aviso de risco (amarelo) Ourense, o resto de provincias de Andalucía, todas as de Castela e León, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Áraba, Navarra, Madrid, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana, Estremadura, Ceuta, Melilla, Mallorca, Ibiza e Formentera.

Pola súa banda, as choivas afectarán a boa parte do país, pero Cádiz, Xaén e Málaga terán aviso amarelo xa que poderán acumular ata 40 litros por metro cadrado en 12 horas.

NEVADAS

As nevadas motivarán o aviso por risco importante en Lugo, Ourense, León, Zamora e Asturias, onde se poden acumular entre 20 e 30 centímetros de neve. O aviso será amarelo por nevadas en Burgos, Palencia, Soria, Segovia, Ávila, Salamanca, Cáceres, Granada, Xaén, Conca, Guadalaxara, Huesca e A Rioxa.

Este venres a AEMET espera precipitacións localmente fortes ou persisentes en Andalucía e na área do Estreito e ventos fortes ou moi fortes en zonas de montaña e nos litorais. As nevadas afectarán as zonas montañosas do norte e leste da Península.

A xornada será nubrada ou cuberta con choivas e chuvascos que serán case xeneralizados e que poderán ser localmente fortes, persistentes e con ocasionais treboada en Andalucía e área do Estreito, sobre todo durante a primeira metade do día.

Igualmente serán localmente intensas e con sarabia en Galicia, no Cantábrico e no sur dos Pireneos. En xeral irán remitindo durante o día pero serán algo máis persistentes nas proximidades de áreas montañosas.

As nevadas produciranse a partir de 900 a 1.100 metros e baixará a 500 ou 700 metros no terzo noroeste peninsular; a partir de 1.000 a 1.200 metros no centro e no noroeste que irán baixando ata uns 600 a 900 metros e ata os 800 a 1.000 metros no sueste.

Temas: MAR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta