A EEI de Verducido, outro colexio rural en loita por falta de profesorado

A ANPA deste centro do concello de Pontevedra fixo pública a situación de "colapso" que se vive na escola por falta de persoal. Critican que a solución que lles deron foi a de "sacar os nenos de Primaria e levalos a outro centro". Mentres, Educación di que iso é "unha opción, non unha imposición".

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 31/01/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Termar das pequenas escolas do rural. Ese é o obxectivo. E, neste caso concreto, termar da Escola de Educación Infantil de Verducido, no concello de Pontevedra. Nais e pais erguen alí a voz co fin de defender o seu colexio, para o cal esixen máis persoal docente e a garantía de manter os dous cursos do primeiro ciclo de Ensino Primario. Se ben isto último xa está confirmado por parte da Xefatura Territorial de Educación, parece ser que a outra demanda non vai ser atendida.

Alumnado da EEI de Verducido, nunha sesión de contacontos na que participan nais e pais
Alumnado da EEI de Verducido, nunha sesión de contacontos na que participan nais e pais | Fonte: Cedida

“Nun principio, o que pedimos á Consellería era un mestre a maiores, como reforzo, pero parece que pedimos a lúa. Foi unha hecatombe”, conta Áurea Goitia, nai dunha alumna. “Chegaron a propoñernos que, se queriamos solucionar o problema, podiamos levar os nenos de Primaria a outro centro, ao de Xeve”, unha suxerencia que recibiron con desgusto e certo temor por se finalmente se materializaba.

Neste 2018/2019, a EEI de Verducido conta con trinta e sete nenos repartidos en tres grupos: dous de Infantil e outro de Primaria. Canda eles, son tres as mestras que exercen no centro de maneira continuada, sendo “unha delas a directora, e a outra a profe de inglés para todos os grupos". 

Se ben a ratio de alumnos por mestre é inferior á que marca a lei (non se deben superar os 25 estudantes por profesor), dende a ANPA coidan que con só tres profesoras é complicado atender outros labores de organización do centro. “Ese reforzo que pedimos tívose incluso con ratios de alumnos máis baixas e non entendemos por que agora non”, quéixanse. 

“Polo menos, esiximos recuperar o que se tivo sempre na escola ata o curso 2015/2016”, no que á parte desas tres mestras, había unha profesora de inglés externa que se desprazaba ata alí dous días á semana. A maiores, tamén se reduciron as visitas dos profes das materias de Audición e Linguaxe e mais de Relixión. Tamén eles ían un par de veces por semana á escola, no canto dunha soa ocasión, como sucede agora. Con esas horas que quedarían cubertas por profesionais de fóra da escola, evitaríase a situación actual de "colapso", a raíz da cal é "imposible atender a diversidade dos nenos". 

Alumnado da EEI de Verducido durante o recreo nunha xornada lectiva
Alumnado da EEI de Verducido durante o recreo nunha xornada lectiva | Fonte: Cedida

RESPOSTA DE EDUCACIÓN

Porén, a percepción do xefe territorial de Educación, César P. Ares, é outra ben distinta á das familias implicadas. “Creo que temos o suficiente persoal para atender en debida forma”, afirma rotundamente; "a ratio de alumnos por profesora está moi por debaixo do límite". 

En canto á posibilidade de pechar os dous cursos de Primaria, Ares rexéitao totalmente. Explica que esa cuestión nace dunha "mala interpretación" que se fixo dun comentario xurdido na reunión entre Xefatura e ANPA. "Falouse de que, tendo un colexio moi próximo, como é o de San Andrés de Xeve, e que ademais ten prazas, poderían levar os nenos alí. Pero é unha opción, non é unha imposición”, asevera o responsable de Educación na provincia.

Aínda que garante a continuidade da escola tal como está hoxe en día, puntualiza que o feito de que se lle permita ter alumnos de primeiro ciclo de Primaria a un centro de ensinanza infantil é unha "excepción". "Seguiráselle permitindo, evidentemente", pero remarca que é un "anacronismo" no sistema educativo.

Neste sentido, Áurea Goitia non o dubida. "Se o problema é que sexa unha EEI, que redenominen outra vez o colexio como Centro de Educación Infantil e Primaria Incompleto (CEIPI), como foi nun principio, por se así lles resulta máis cómodo para atender as necesidades do centro", propón, en calidade de voceira das familias.

Ademais, a comunidade educativa de Verducido considera de vital importancia conservar o grupo dos maiores en aras de aumentar a matriculación. Entenden que serán máis as persoas que se animen a levar os seus fillos ao colexio se se lles oferta a posibilidade de escolarizalos alí durante cinco anos, e non só dous. Daquela, axudaríase a fixar alumnado para os anos seguintes e velar pola supervivencia dunha escola que xa leva aberta arredor de medio século. 

"Por aquí pasaron moitas xeracións de veciños de Verducido", agora volcados coas reivindicacións da escola. Hoxe en día, "calculamos que hai un 30% das familias que veñen de fóra da parroquia. Incluso hai varios pais que veñen de Pontevedra centro", di Áurea, que achaca esta afluencia á boa reputación que foi colleitando a escola nos últimos anos.

O boca a boca parécelle imparable. "Temos a sensación de que van asfixiando o centro para ver se son as profes ou son os pais os que rebentamos e suplicamos que o pechen, ou algo así", pero polo momento esa posibilidade non entra nos seus plans: “si que cremos o de que se boten atrás co de pechar o centro. E alegrámonos. Pero non imos quedar parados coa resposta”.

PROXECTO EDUCATIVO

E é que a defensa deste centro é tamén a defensa dun proxecto educativo moi concreto e do que as nais e pais se senten moi orgullosos. Por un lado, a convicción de que apostar pola “etapa conexa dos tres aos sete anos” significa potenciar un "acompañamento" dos nenos para que cheguen a 3º de Primaria  "coas claves construtivas que logo lles resultan imprescindibles para o seu desenvolvemento". Respéctanse os tempos de cadaquén, sen obrigar a seguir un ritmo determinado e igual para todo o mundo. 

Por outra banda, destacan o traballo de "socialización e convivencia" que se leva a cabo co alumnado, a través de asembleas nas que se promove a resolución de conflitos entre eles mesmos. Contan, ademais, cunha morea de actividades que lle engaden valor á filosofía da escola. Unha das patas máis relevantes da folla de ruta da EEI é "poñer en valor o rural" e o "traballo no agro". Así, teñen unha horta ecolóxica que xestionan as familias e o profesorado de maneira conxunta; programan saídas coa Comunidade de Montes para facer plantacións de árbores; moen fariña de millo para logo facer o propio pan; elaboran iogures, etc.

Respecto, compromiso, agarimo, loita, alento, confianza. Iso é o que se respira arredor da EEI de Verducido, no rural pontevedrés. E, sobre todo, arelas de futuro.

No patio da escola xestionan unha horta ecolóxica
No patio da escola xestionan unha horta ecolóxica | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta