A mesma pedra

Cando alá polo remate do s.XIX Galiza non soubo xogar as súas bazas para se incorporar ao tren do progreso, varios foron os factores que acabaron frustrando a unión coa meseta, e a conexión das distintas cidades do país, por ferrocarril: o localismo, o centralismo, a conxuntura económica e a falta de peso político específico.

Por Farruco Graña | Ferrol | 14/09/2011

Comparte esta noticia

Agora, a comezos do s.XXI, de novo o noso país se ve abocado a unha situación crítica. Moito máis tarde ca outros (non así os nosos impostos: tan puntuais como os dos demais), pero á fin semellaba que o AVE ía estar listo ao longo dos anos 10. Así o acordaron no Pacto do Obradoiro PP e PSOE. Que os dous partidos maioritarios selen tal acordo parecería dar garantías de suficiente peso político específico para defender o AVE (cousa que nos faltou hai uns cen anos). Pero logo se encargaron uns e outros de andar en leas por puro interese político partidario.

Negar o esforzo inversor do ministerio de Fomento no AVE galego nos últimos anos sería absurdo. Pero fiar o futuro do mesmo á palabra dun ministro, de pouca madurez; por moi galego que sexa. Agora ben, deixalo todo en mans dun hipotético goberno amigo sería infantil e ademais supoñería tropezar dúas veces coa mesma pedra. Lembremos o ano 1996 e seguintes. A vitoria de Aznar víase cantada. Pero ao remate… catalán na intimidade. E quen sabe, ao mellor igual nesta ocasión se pecha o pacto tamén cun culín. A Esperanza Aguirre dis que lle gusta moito a sidra!

Soan ventos hipócritas criticando as inversións no AVE galego por non ser rendíbeis. Desde logo, quen critica o AVE galego é porque pensa no Mediterráneo. O mesmiño que cando as autovías. A maior abondamento, a reforma express e a dous da Constitución tamén podería supoñer unha traba máis no desenvolvemento das obras; igual algúns se ven tentados a empregar tal argumento para retraer fondos do AVE galego (por consideralo deficitario) ou modificar á baixa os proxectos iniciais.

Volver fialo todo ao goberno amigo supoñería un erro enorme que nos deixaría de novo sen peso político específico. E sería ademais dobremente amargo por tropezar dúas veces coa mesma pedra, como en 1996. Fagámonos escoitar o 20N.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Farruco Graña Nacido en 1966, é licenciado en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor de secundaria en Tapia (Asturias) En 2007 publicou a novela "O bosque de Nadgor".