Procesión de caladiños

Co do catalán non nos toquen os narices, díxolle Artur Mas ao PP pensando no futuro. Vostedes verán o que aspiran a facer connosco cando queiran chegar á Moncloa, pero tomamos nota da súa actitude cara ao catalán, espetoulles sen lle tremer o pulso nin a voz. No entanto, o máis rechamante foi a reacción de González Pons.

Por Farruco Graña | Tapia de Casariego, Asturias | 27/09/2011

Comparte esta noticia

Lonxe de lanzar un órdago contra CiU na defensa da lingua cervantina, González Pons afastouse de discursos maximalistas (cousa que non fixo coa promesa dos 3,5 millóns de postos de traballo) e fíxolles as voltas mostrando o seu desexo de estar moi preto de CiU, polo que non farían nada que puidera entorpecer as súas relacións. Evidentemente, dous non rifan se un non quere.

Éche unha mágoa que na sede madrileña do PP non pensaran o mesmo con respecto aos seus compañeiros de Santiago cando estaban dispostos a se sumar ao consenso para reformar o estatuto, nomeadamente no tema da lingua galega. Non: neste caso non lles facía falta amornar as augas co PP(deG?). Deron ordes e desde aquí aceptaron obedientemente. Ben se viu despois co decreto contra o galego no ensino.

Cando un país defende os seus sinais de identidade síntese orgulloso do seu e tamén loita polos seus sectores produtivos, pola súa xente. Velaí a Artur Mas, a toda a sociedade catalá, defendendo o seu. Ultimamente tamén lles deu polo AVE do mediterráneo. Pero claro, en tempos de crise, o diñeiro non dá para todo. E coa escusa do teito do gasto, tan ben argallada por PP e PSOE, e da eficiencia das inversións, poñen enriba da mesa o seu Mediterráneo, e dan de menos o Atlántico. Por certo: non só CiU, tamén as doce capitais de provincia do Mediterráneo, do PP. Non é prudente fiarse, a pau seco, da palabra dun ministro. Non hai nada coma os feitos. E os do PP están aí: non facer nada que prexudique as súas relacións con CiU. E a maiores, as alcaldías populares no Mediterráneo pedindo o AVE para eles.

Como no 1996, semella que o PP de Feijoo vai quedar fóra de xogo; lembren o nivel de inversións de Aznar en Galiza: pésimo. E agora Cospedal, o novo presidente valenciano, Arenas dentro de pouco en Andalucía… E Feijoo e os deputados galegos en Madrid… como unha procesión de caladiños. Non é de estrañar que Rajoy non se queira comprometer máis a fondo co AVE galego. Datas?! Para que? Deixa pasar as eleccións… e despois estacazo que te criou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Farruco Graña Nacido en 1966, é licenciado en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor de secundaria en Tapia (Asturias) En 2007 publicou a novela "O bosque de Nadgor".