Ana Pontón critica que o "cambio de Goberno en Madrid" sexa continuísta na "discriminación" de Galicia

A portavoz do BNG sinala que era necesario un novo Executivo pola corrupción, involución democrática e roubo de dereitos, non houbo cambios clave co goberno de Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2019 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou a "irrelevancia" política á que levan a Galicia as "forzas estatais", nunha situación na que, tras a "discriminación" de Rajoy coa "complicidade" de Feijóo, ve con "decepción que o cambio do Goberno no Estado" trouxese continuísmo na discriminación con Galicia".

En concreto, Pontón cita os Orzamentos Xerais do Estado pero tamén a falta de investimento en ferrocarrís ou saneamento das rías e o "estupor" co que dá que se rebaixan as autoestradas "ruinosas" de Madrid construídas por José María Aznar e Esperanza Aguirre cando se soben "cada vez máis as peaxes en Galicia".

En entrevista na Radio Galega, Pontón abundou en que, aínda que fai "seis meses era necesario un cambio" no Executivo pola "corrupción, involución democrática e roubo de dereitos, sinal de identidade do PP", "non houbo cambios clave" co Goberno de Sánchez, como a derrogación da LOMCE, das leis laborais ou da Lei Mordaza.

Tampouco, incide, houbo "cambio no trato de Galicia" porque "pretendan dicir que os investimentos no AVE son a panacea, Andalucía ten AVE desde hai máis de 25 anos" e aínda así "os investimentos soben un 45%". Neste contexto, reivindica que "Galicia necesita peso político propio" e pon como exemplo que "cando o BNG condicionaba os orzamentos os investimentos eran de 2.000 millóns de euros".

Precisamente, o BNG solicitou ás forzas políticas do Parlamento galego unha "fronte común" para dicir "non" a uns Orzamentos que son "unha labazada" na cara aos galegos, co obxectivo de pór sobre a mesa "propostas concretas", como "abaratar a luz aos galegos", o rescate da AP-9 ou a interposición dun recurso contra os Franco polo Pazo de Meirás, así como recuperar "como mínimo" os investimentos do ano 2009.

Pero Pontón dubida de que os deputados galegos estean dispostos a "pór por diante os intereses de Galicia antes que os dos seus partidos". "Aquí vemos un xogo moi vello, que o PP cambia de discurso cando non goberna en Madrid, que o PSOE tamén e que En Marea está a entrar tamén nese xogo", "estamos a ver que os nosos deputados en Madrid non defenden os intereses de Galicia senón dos seus partidos", criticou.

FEIJÓO PIDE MÁIS COMPETENCIAS SÓ PARA "DISTANCIARSE" DE VOX

E en paralelo ao debate dos Orzamentos, Pontón tamén reclama a transferencia de máis competencias para Galicia, aínda que dubida do verdadeiro interese do presidente da Xunta, que "non pediu nin unha soa competencia" en dez anos, "instalado en botar balóns fóra". Para Pontón, as peticións expostas agora polo presidente galego son "un exercicio máis de travestismo político de Feijóo que quere marcar distancias coa súa propia biografía" ou "simplemente un intento do PP por desmarcarse" de pactos con extrema dereita.

A líder do BNG insta por iso a Feijóo a "explicar como o seu partido pacta con forzas de extrema dereita" como Vox en Andalucía, que se sitúan en contra da lingua, das leis de violencia de xénero ou do Estatuto de Autonomía. Ademais de lograr maior relevancia política, Pontón situou entre os seus obxectivos facer fronte á situación "crítica" da sanidade, ante o seu "desmantelamento por parte da Xunta" á que esixe "unha rectificación" dunhas políticas que "pon en risco a vida dos galegos". "Feijóo mente cada vez que di que hai máis recursos, en Atención Primaria hai un recorte de 2.000 millóns de euros nestes anos e en 2019 hai 188 millóns menos", o que provoca un "colapso" do sistema sanitario, esgrimiu.

ELECCIÓNS EUROPEAS

En canto aos seus obxectivos electorais para o 26 de maio, Pontón reivindicou que o "BNG ten un proxecto unido e cohesionado" que "vai por todas" tanto nas municipais como nas europeas. Puxo en valor a alianza do BNG con EH Bildu e ERC de cara ás europeas e, especialmente, o traballo da eurodeputada nacionalista Ana Miranda, que "lle deu voz a todos os galegos", fronte a aqueles, como o popular Millán Mon, do que non se coñece "unha soa iniciativa". "Miranda fixo máis por Galicia nesta lexislatura que todos os eurodeputados galegos xuntos", remarcou.

Pero o que non quixo entrar a valorar son as palabras de Xosé Manuel Beiras sobre a súa vontade de que Anova se achegase á alianza para as europeas do BNG. "Está resolto, xa dixen o que tiña que dicir", puntualizou, porque considera a cuestión "unha anécdota". Tampouco quixo profundar na situación da denominada "esquerda rupturista", porque sostén que "as crises dos demais non son oportunidades para ninguén" e só pódese avanzar "se hai un proxecto sólido".

Ana Pontón móstrase optimista de face ás municipais e enxalza exemplos de gobernos do BNG como os de Pontevedra, Carballo ou Bueu, e a súa xestión nas Deputacións, nas que fronte "ao modelo caciquil de Ourense, acabouse co caciquismo e o clientelismo". Por último, cuestionada sobre a situación de Venezuela e o rexeitamento do BNG a Guaidó, valorou que o debate non debe ser "sobre Maduro si ou non, é sobre democracia na que son os cidadáns os que teñen que escoller, non é Trump ou o Parlamento europeo, non é ningún dos aliados dese vello imperialismo que volve con garras a facerse cun botín tan importante como os recursos naturais de Venezuela".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

Ana Pontón debera ser un chisco máis prudente con estas ferramentas http://www.parlamentodegalicia.es/C... Pero dicir que Miranda fixo máis polos galegos que esta outra galega é xa demasié! http://www.europarl.europa.eu/meps/...+LIDIA_SENRA+RODRIGUEZ/main-activities/plenary-speeches Se pensa que Junqueras vai facer máis por Galicia que lle siga a regalar os votos de tódolos galegos aos que teñen negocios na Abadia de Montserrat !!!

1 Sentidiño

En menos tempo fixo máis e mellor, que llelo pregunten ás vítimas de Angrois. Senra só saiu na prensa polas súas incursións nas pseudociencias. ERC é un partido republicano e democrático case que centenario. Ignasi Guardans un oportunista que pasou por CiU: é coma culpar a Beiras dos desmáns de Xosé Luís Barreiro.

2 Gamela

Os partidos centenarios teñen de todo... Jonqueras debera explicar cal é a súa relación co arzobispado de Barcelona e moi especialmente coa trama que viu roubar o patrimonio dos galegos (?) Mosén Ramon Batlle Ejerció como abogado y trabajó en el Departamento de Justicia de la Generalitat de Cataluña. Posteriormente, ingresó en el Seminario de Barcelona y cursó la licenciatura en teología en la Facultad de Teología de Cataluña. Licenciado en Derecho Canónico por la Universidad Pontificia de Salamanca. Secretario del Tribunal Eclesiástico del Arzobispado de Barcelona. Es secretario de la Fundación Catalina y de la Fundación Gloria de Orihuela-Cortada. Fue ordenado sacerdote por el cardenal Martínez Sistach el 13 de junio de 2010. Pero sobre todo foi o muñidor deste latrocinio, por certo hai dous días morreu o Hermano Donaire sen que terse celebrado o xuízo! Cartos ao queixón! https://flic.kr/p/RboG8y