A sanidade pública, unha fronte aberta para Núñez Feijóo

Os diferentes colectivos profesionais da sanidade pública en Galicia están mostrando a súa disconformidade coa política sanitaria da Xunta. Privatizacións, non reposición de profesionais, desatención a determinadas áreas do sistema sanitario e un modelo de xestión cuestionable, definen as pegadas dos recortes en sanidade.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O sistema sanitario público galego é unha fronte aberta para o goberno de Núñez Feijóo, ou iso estiman algunhas fontes consultadas por este medio. Quizais a estas alturas isto soe como unha redundancia, pero hai moita xente que non cae na conta de por que existen vídeos denunciando colapsos en urxencias, por que hai mortes nos PAC, por que se acusa ao sistema sanitario da morte de doentes esperando nos corredores e por que mesmo sectores como as emerxencias e ambulancias tamén están mostrando o seu descontento desde hai tempo.

Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. PARTIDO POPULAR
Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. PARTIDO POPULAR

As preguntas son moitas e as respostas oficiais son aumentos de partidas económicas para Sanidade, desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos dentro do SERGAS e unha serie de capítulos cunha finalidade, tentar contrarrestar os efectos das protestas de colectivos sanitarios. A raíz de todo isto, para a maioría dos que traballan no sector sanitario público estaría na privatización do modelo público de saúde e na non reposición tanto de profesionais como de material en áreas ou especialidades determinadas.

PERSOAL

O goberno da Xunta de Galicia xa “coñecía os datos sobre o envellecemento do persoal e cal sería o número de xubilacións ata o día de hoxe” di María Xosé Abuín da plataforma SOS Sanidade Pública. Dentro de atención primaria o número de xubilacións  foi de trescentas ata o día de hoxe. “A atención primaria, a medicina de familia é unha especialidade que suma seis anos de carreira, logo catro de MIR (Médico Interno Residente) e estes MIR, logo de teren a praza, deben estar titorizados” di Abuín.

A titoría dos MIR en atención primaria correspondería a médicos con experiencia ou titores e titoras clínicas. Non obstante, “eses MIR non se poden formar cun titor ou titora porque eses especialistas están atendendo un número elevado de doentes”. “Somos das poucas Comunidades Autónomas que non ten regulada a titoría, ademais non se pediron unidades docentes e os potenciais titores xa se foron xubilando” sinala Abuín.

Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública
Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública

Por outra parte, desde SOS Sanidade Pública, apuntan tamén a “competencia desleal” que supón a entrada da sanidade privada no marco sanitario galego. “A propia administración galega forma persoal que logo condiciona mediante contratacións cunhas condicóns peores que a sanidade privada” destaca Abuín, pois “na sanidade pública existen contratos por días e mesmo  por horas”.

Outra particularidade é que o nomeamento de xefes ou xefas de área, xerencias, etc., poden ser realizados mediante libre designación.. “O que pedimos é un cambio na regulamentación dos nomeamentos, porque aí está parte da perversión das cousas, pedimos tribunais como os das oposicións, pero se vas a un tribunal onde colocan unha serie de persoas para permitir a entrada dun ou dunha determinada aspirante a xefa de área, xa temos un problema”, resalta María Xosé Abuín.

COLAPSOS

As imaxes deron a volta a todo o Estado. Urxencias en Santiago e Coruña colapsadas xusto cando os picos por gripe estaban altos. Teñamos en conta unha cousa, dentro das Urxencias, 061 dentro das súas vertentes, PAC e Centros de Saúde, os especialistas son médicos de familia. Que quere dicir isto? Que estamos diante de segmentos de Atención Primaria. Cal é a relación? “Se non hai facultativos abondo na Atención Primaria, se recortas cada vez máis, a onde vas?, aos hospitais” explica Abuín que tamén lembra o feito de “termos unha poboación envellecida que sofre de doenzas que deberan pasar por Atención Primaria”.

As protestas de profesionais en Urxencias do Clínico de Santiago (CHUS) están relacionadas con este punto, pois “é moi triste ter que presionar desta maneira para que recoñezan o feito do colapso en Urxencias” sinala Abuín.

A atención primaria atendería as necesidades básicas de saúde das persoas durante a súa vida. Pero por que se demanda maior investimento ou por que se fan máis recortes segundo fontes sindicais? Manuel Moreiras, tamén de SOS Sanidade Pública responde que “no modelo que defenden a Atención Primaria non é parte do negocio, porque esta parte do servizo de saúde atende á prevención e promoción da saúde ademais de que, co tempo, por sorte as persoas viven máis e doenzas que eran mortais agora, por sorte son crónicas” pero todo isto “non crea diñeiro, o que si crea diñeiro son investimentos en tecnoloxía e alta especialización”.

Existe tamén outro agravante que é a retirada da capacidade resolutiva, un punto aprobado durante o goberno bipartito.  Isto permitía que o médico de familia derivase a un hospital a unha persoa para pedir probas diagnósticas, “mesmo se dificultou que puidesen derivar aos hopitais aos doentes”. Segundo Manuel Morerias todo o relacionado coa Atención Primaria “para eles é un gasto, pero para a sociedade é un investimento en saúde, porque a promove xunto coa prevención o que aforra en sufrimento, pero este é un gasto que non fai negocio”.

PRIVATIZACIÓN

O dereito á sanidade debera estar garantido por un modelo sanitario público. Coa chegada da crise económica iniciada en 2008, as diferentes administracións, sobre todo as consideradas neoliberais e coa presión de diferentes organismos internacionais (Troika, FMI, UE...), o gasto sanitario considerouse como parte do paquete de elementos onde habería que “facer axustes”, é dicir recortar en gasto sanitario. “Realmente non se está actuando así por unha cuestión de crise económica, é unha aposta por un modelo totalmente distinto” sinala SOS Sanidade Pública.

Cales son os motivos da privatización? As portas xiratorias? “Non creo, penso que a intención é desmantelar” di María Xosé Abuín. “O que acontece é a apertura da asistencia sanitaria ao mercado, así parte do diñeiro público vai para pagar as privatizacións que co tempo demostran ser máis caras e máis deficientes” di Manuel Moreiras. Non obstante, xa antes había sanidade privada en Galicia, pero como din desde SOS Sanidade Pública, eran empresas máis ben familiares ou empresas profesionais. Mais o que acontece agora é que desde hai uns anos boa parte desa sanidade privada está caendo en mans de “corporacións sanitarias” como HM ou Vithas. Logo están aquelas que levan dentro dos seus catálogos “servizos sanitarios” como poden ser empresas multifuncionais, mesmo de construción, que levan para si as contratas de limpeza, mantemento etc.

As empresas que entran no “mercado da sanidade” mesmo poden acabar sendo propietarias de instalacións levantadas con diñeiro público. “O caso do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, que é propiedade dunha empresa, é un activo desa empresa e por vinte anos, non é do SERGAS ou da Xunta”. En realidade o HAC está dentro dunha sociedade concesionaria formada por Acciona, Puentes y Calzadas, Altair e Concessia.

A pregunta sae por si soa, pódese recuperar o HAC para a sanidade pública ou sería un investimento enorme para as arcas públicas? “Primeiro de todo tería que haber vontade política, se cadra un cambio de goberno, pero máis alá da indemnización para a concesionaria, existen mecanismos como por exemplo, que esa mesma concesionaria ten valor en bolsa, cunhas accións, e ese paquete de accións pódense comprar mediante unha sociedade pública de investimentos” di Manuel Moreiras.

DE ONDE VEU O MODELO ACTUAL?

Este modelo é o que se implantou en comunidades gobernadas polo PP, como na Comunidad de Madrid, onde se crearon sete hospitais que a día de hoxe non é eficaz e que tamén se levou para a Comunidade Valenciana” di Moreiras. O caso valenciano en concreto o do hospital de Alcira, seguira un modelo de xestión privada para as tarefas non médicas mentres que o persoal médico era público. Logo de ter que ser rescatado unha primeira vez para devolvelo a mans privadas, finalmente volveu ao sistema de xestión pública diante dun novo fracaso.

O dereito a unha sanidade pública, universal e de calidade, se ben está dentro dos valores defendidos polas instancias europeas, foron estas mesmas as que “viron as características de monopolio no modelo de sanidade pública e por iso “recomendaron” aos diferentes países da UE que cambiasen a maneira de atender aos cidadáns en canto a xestión da sanidade pública como monopolio” aclara Manuel Moreiras.

Logo toda esta problemática que, de primeiras parece unha cuestión “local”, ten as súas raíces nas decisións políticas e macroeconómicas tanto de autoridades políticas como de sectores que fan presión para entrar nun novo nicho de mercado. Fronte a isto hai reaccións públicas tanto de usuarios como de profesionais. SOS Sanidade Pública engloba profesionais, usuarios e persoas vinculadas dalgunha maneira co sector da sanidade galega. Tamén están as demais asociacións que, segundo a súa óptica, defenden que o modelo xestor actual non está dando os resultados que se buscaban.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta