Detidos tres individuos en Ourense por agredir e roubar a un veciño de Chantada polo pago dunha débeda

Foi no marco da 'Operación Wailit', na que resultaron arrestados tres cidadáns dominicanos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2019 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo na provincia de Ourense, no marco da 'Operación Wailit', a tres cidadáns dominicanos, por agredir a un veciño de Chantada (Lugo) ao que, ademais, roubaron tras introducilo pola forza nun vehículo e levalo á súa casa debido a unha débeda contraída cos agresores.

Garda Civil
Garda Civil

Segundo informou o Instituto Armado, os detidos son tres veciños de Ourense de 25, 37 e 37 anos de idade, que foron arrestados como presuntos autores dos delitos de roubo con violencia e intimidación, detención ilegal, ameazas de morte con arma de fogo e tráfico de drogas.

Aos detidos interviñéronselle, así mesmo, 200 gramos de cocaína, munición de distintos calibres e diñeiro en efectivo, concretou o Corpo de Seguridade do Estado.

Os feitos tiveron lugar, relataron as mesmas fontes, na madrugada do pasado 19 de xaneiro no termo municipal de Chantada cando varias persoas se apearon dun turismo e abordaron a un veciño desta localidade luguesa, ao cal, tras agredilo, introducírono "á forza" no interior do vehículo e dirixíronse ao domicilio da vítima.

Unha vez no interior da vivenda subtraéronlle a súa documentación persoal, teléfono móbil e xoias de ouro. Mesmo chegaron a ameazalo de morte cunha arma curta se non efectuaba o pago dunha débeda contraída cos agresores.

REXISTROS

No marco desta operación realizáronse tres rexistros domiciliarios, nos cales foron intervidos 200 gramos dunha substancia identificada como cocaína; útiles relacionados co tráfico de drogas; obxectos persoais pertencentes á vítima e munición de diversos calibres de arma curta e longa.

Esta operación foi coordinada e dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Chantada. Os detidos serán postos a disposición xudicial nas próximas horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta