A ANPA de Verducido a Educación: "Sabe realmente o que acontece nunha aula de 3 anos?"

Celebran a rectificación sobre o peche dos cursos de Primaria, pero insisten na necesidade de aumentar o persoal neste colexio rural. Pídelle ao xefe territorial de Educación, que fale coas familias e non a través dos medios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/02/2019 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A ANPA da Escola de Educación Infantil de Verducido, no concello de Pontevedra, mantense firme nas súas reivindicacións e insiste na necesidade de aumentar o persoal docente, ata recuperar as cifras do ano 2015. Valoran positivamente a "rectificación" de Educación no que respecta ao peche de Primaria, pero pregúntanse se o xefe territorial "sabe realmente o que acontece nunha aula de 3 anos" e as necesidades dos nenos da escola, en vistas á súa intención de non ampliar o profesorado.

O patio da EEI de Verducido conta cunha horta ecolóxica que xestionan as familias xunto as mestras
O patio da EEI de Verducido conta cunha horta ecolóxica que xestionan as familias xunto as mestras | Fonte: Cedida

Manter a calidade e a atención á diversidade educativa, así como aos nenos con necesidades especiais. Eses son os obxectivos que persegue a asociación ao reclamar máis profesionais para este colexio do rural pontevedrés. "Parece que pedimos a lúa", contaba hai uns días Áurea Goitia, nai dunha alumna, nunha reportaxe publicada no GC.

A comunidade educativa solicita á Consellería a reposición do "estado razoable dos anos anteriores": un profesor/a de inglés externo que acuda ao centro dous días á semana; un técnico/a de Audición e Linguaxe que tamén se desprace ata alí dúas veces por semana e que reforce outros colexios próximos; a volta á denominación de 'CEIP incompleto', como foi ata o curso 2003-2004; e establecer como fixa a praza de profesorado de Primaria. 

CRÍTICAS Á XEFATURA TERRITORIAL DE EDUCACIÓN

Diríxense directamente ao xefe territorial de Educación, César P. Ares, con quen o presidente da ANPA puido manter unha xuntanza nun primeiro momento. Desa reunión, extraérase a idea de que Educación valoraba eliminar os dous cursos de Educación Primaria cos que conta a escola, algo que despois negou vehementemente e que xustificou como resultado dunha "mala interpretación". Dende a ANPA celebran esta decisión, pero non quedan conformes ao anunciarse que Educación non ampliará o número de docentes para a EEI. 

Alumnado da EEI de Verducido durante o recreo nunha xornada lectiva
Alumnado da EEI de Verducido durante o recreo nunha xornada lectiva | Fonte: Cedida

Ademais, critican a Ares por presumir publicamente de diálogo fluído coas familias, un diálogo que a ollos de nais e pais só se está a producir "a través dos medios de comunicación". Aseguran que aínda están agardando por unha resposta á solicitude que enviaron a semana pasada para manter unha reunión co responsable desta materia na provincia.

En relación coas declaracións que Ares fixo nos medios, a comunidade educativa de Verducido atopa algunhas imprecisións, como por exemplo no referido á profesora que colleu a baixa, tema no que "omitiu que se tardou en cubrir máis dunha semana".  Nais e pais defenden os dereitos das mestras e, polo tanto, que poidan coller as baixas e permisos que precisen. "A cuestión non é esa", din, senón garantir a cobertura desas baixas para non vulnerar o dereito do alumnado a unha educación de calidade.

A RATIO DE ALUMNOS: UNHA ORIENTACIÓN, "NON UNHA META POR ALCANZAR"

Respecto da ratio de alumnos do centro, da que o xefe territoral de Educación ten dito que está "moi por debaixo do límite", a ANPA apunta que esa proporción á que se refire a normativa (de 25 alumnos por aula e mestra) é aquela a partir da cal a educación resulta inviable, pero "nunca unha meta por alcanzar". Neste sentido, non entenden o porqué da "paulatina diminución de recursos" no centro, cando "a matrícula non só non baixa, senón que se incrementa".

"O sr. César Pérez Ares sabe o que acontece nunha aula de 3 anos? Sabe como son eses meniños e a atención individualizada que precisan?", deixan caer dende a ANPA. Aluden tamén ás dificultades ás que se enfrontan as mestras para compaxinar as tarefas de dar clase coas de atender outros labores de organización do centro, como é o caso da dirección. "Sobra dicir que nos institutos sempre hai unha, dúas ou mesmo tres profesoras de garda por cada hora para que ningún grupo estea sen profesor responsable", comparan.

Por outra banda, o xefe territorial asegurou, en declaracións ao GC, que o feito de que se permita ter Primaria nun centro de educación infantil (CEI) é unha "excepcionalidade" e un "anacronismo". Sendo así, as familias convidan a que se redomine a escola como CEIP incompleto, como xa o era ata o 2004.

"Pídese moi pouco e non supón máis que devolver o que o centro educativo xa tiña: pouco, pero esencial para o seu bo funcionamento", conclúen dende a ANPA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta