A xuíza Pilar de Lara pide que a lei recoñeza como "vítimas" os animais maltratados

A titular do Xulgado número 1 de Lugo reclama "medios" para cumprir a lei de benestar animal e que a lei de enxuizamento criminal defina medidas de protección aos animais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/02/2019 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A titular do Xulgado de instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, reclama que a Lei de enxuizamento criminal estableza que medidas se poden aplicar para a protección dos animais, co fin evitar interpretacións diferentes da normativa por parte da xustiza, e cubrir un "baleiro" legal que si está definido no caso das persoas que son vítimas.

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara
A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara | Fonte: Europa Press

De Lara aposta por establecer "modificacións", como que o animal sexa recoñecido como "vítima" e "suxeito pasivo do delito", un ámbito no que, dixo, a lexislación procesual está "máis orfa" desde o seu punto de vista.

Antes de participar nunha xornada organizada pola Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Franz Weber, Pilar de Lara explicou que a protección animal no ámbito xurídico "está moi imbuída das concepcións filosóficas que se teñen sobre o que é o animal, o ben xurídico e o obxecto de protección".

Así, apuntou que se dá a situación de que, por unha banda, se atopa a aplicación "ríxida" da lei e, por outro, o artigo 4 do Código Civil, que di que "as normas se teñen que aplicar conforme á realidade social". Partindo desta disxuntiva, os xuíces, dixo, atópanse na situación de ter que "dar protección a un animal, pero a lei de enxuizamento criminal non establece normas específicas para protexer a un animal".

"Iso significa que o teño que deixar desprotexido ou a miña obriga como xuíz é protexelo?", expuxo a titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, para concluír que, aínda que ela o ve "moi claro", hai outros operadores xurídicos que non o entenden así. Por iso, lembrou, a Audiencia Provincial de Lugo botou abaixo no seu momento a medida de afastamento que ela estableceu para os donos da cadela Catalina, que en novembro de 2017 caeu desde a xanela dun piso de Lugo.

De Lara explicou que o Código Penal, no seu artigo 339, prevé a posibilidade de que un xuíz poida adoptar calquera medida de protección, pero mentres que na lei de enxuizamento criminal aparecen medidas específicas para as persoas, non así para os animais, algo que pide incluír. Respecto diso, lembrou que mentres que a ela lle tumbaron a decisión, un tribunal de Valencia si puido establecer unha orde de afastamento e prohibición de tenencia de animais.

MÁIS MEDIOS

"Non por ter moitas leis, dicíao Tácito na Antigüidade, un Estado é menos corrupto. Ás veces non é un problema de leis, senón de medios suficientes", manifestou sobre as necesidades lexislativas.

Neste sentido, advertiu de que "de nada serve" que Galicia propoña o sacrificio cero "se despois resulta que non se invisten os medios necesarios para crear instalacións apropiadas para os animais abandonados ou en situación de malos tratos". "Hai canceiras e sociedades protectoras que malviven co diñeiro que lle dan os voluntarios e algunhas parecen auténticos corredores da morte", reprochou.

Respecto diso, apuntou que, como xuíza, esta situación lle fai exporse, se ten que comisar un animal, se é "mellor deixalo co maltratador ou levalo a un albergue que carece dunhas instalacións onde o animal poida levar unha vida digna ou un pouco mellor do que tiña". Pilar de Lara atribúe a aprobación de "moitas leis en base á importancia que ten o voto animalista" nas eleccións, pero "non van acompañadas dos orzamentos necesarios".

"Non creo que sexa necesario ditar moitas leis, pero si establecer leis que sexan claras, seguras e sobre todo, que se cumpran. Iso é fundamental", sentenciou na súa reclamación, coa que pide evitar que poida "haber disparidade" na aplicación da normativa.

"PROBLEMAS" NO ÁMBITO DO BENESTAR ANIMAL

Como xuíza de instrución, Pilar de Lara quixo destacar "tres problemas" que ela observa principalmente neste ámbito e que radican na "prevención": a "necesidade de que o Estado invista fondos" en educación; inspección; e resocialización, que é "fundamental" para que non haxa que recorrer á segunda vía, na que actúan, os xuíces, que é a "persecución" e a "protección".

Aínda que De Lara tamén destacou os "grandes logros" que se conseguiron nos últimos 15 anos en materia de dereito penal, indicou que "falta por avanzar". Neste sentido, advertiu dos "problemas" que hai de "interpretación" dos tipos penais, o que en ocasións é o que provoca a "diferenza entre o número de denuncias que se presentan, o número de xuízos e as sentenzas condenatorias".

Na súa intervención, tamén abordou o tratamento que se dá, por parte da xustiza e das forzas e corpos de seguridade aos malos tratos animais como "un delito de segunda ou terceira categoría" e denunciou a "falta de formación que existe nos operadores xurídicos e xudiciais fundamentalmente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta