A esquerda absentista

Nuns tempos de crise como os actuais, as forzas progresistas céntranse unicamente en difundir os seus programas electorais habituais, sen ofrecer respostas aos desafíos do presente nin ser quen de chegar a toda a cidadanía

Por Horacio Vixande | Vigo | 19/09/2011

Comparte esta noticia

 Se Rajoy concibe o rentismo como alternativa económica é por experiencia propia, non só persoal, tamén política, porque sabe que sen facer nada pódese chegar á Moncloa, basta con que os teus adversarios caian no absentismo e a parálise, como na actualidade lle acontece á esquerda.

Xa estamos a comprobar como os socialistas están resignados ante a derrota e vemos que mesmo voces desde dentro do partido láianse desa actitude, mais sorprende que a esquerda do PSOE continúe sen reaccionar.

Porque dicir que unha forza determinada é a única que defende a Galiza, formular o programa electoral de sempre, aínda que sexa reforzado con novas propostas, iso non é reaccionar, sobre todo nun momento como o actual, no que o discurso monocorde do mercado sen restricións é o que se impón, aínda que o sentido común e a realidade non fagan máis que desautorizalo.

Reaccionar é conseguir poñer enriba da mesa propostas alternativas que sexan quen de chegar ao conxunto da sociedade; ideas posibles, que non asusten á cidadanía, que sexan executables sen grandes traumas sociais, pero que sexan renovadoras.

Mais, por imprescindible que sexa, ningunha forza progresista está en condicións de emitir por si soa unha mensaxe como esa e que esta alcance a suficiente proxección social; precisa do acordo con outras organizacións, non só políticas, tamén sindicais e sociais. Para isto non son imprescindibles as coalicións electorais, pero por que non se valora a posibilidade de convocar nunha mesa ás principais organizacións políticas, sindicais e sociais progresistas do Estado para elaborar un programa común que cada partido incorpore ao seu programa particular?

Temos a experiencia de que iniciativas como Galeusca tiveron unha proxección social e política que superou a suma das forzas que compuñan esta coalición. Nada nos indica que un programa común, expresado nun texto estruturado, recoñecible por todos, vaia a pasar inadvertido. Seguro que xera debates sociais e políticos e mesmo que condiciona as propostas dos partidos que non participan del. Eis unha forma de recuperar a iniciativa e comezar a realizar unha pedagoxía política que abra paso a outras formas de enfrontar a crise.

Como é posible que globos sonda como a desaparición das deputacións provinciais se abandonasen tan axiña? Simplemente porque as organizacións progresistas non participan do debate político, ben por incapacidade ou ben por absentismo.

Mais un programa común podería incorporar demandas como a desaparición das deputacións, finalización da intervención española en Afganistán ou como o asinamento dun pacto coa Igrexa para a paulatina redución do financiamento do Estado a esta crenza. Hai moitos capítulos nos Orzamentos Xerais do Estado dos que extraer recursos –moi cuantiosos– para afrontar a crise sen necesidade de tocar o ensino ou a sanidade, mais ninguén pon o acento niso ou non o fai coordinadamente con outros.

Por que se consente que os aforros da cidadanía estean destinados á especulación? Por que non hai exencións fiscais aos fondos de investimento produtivo en emprendemento e innovación española? Por que non se suprimen as exencións aos fondos de pensións para orientar os aforros aos sectores produtivos? Os fondos de pensións en España naceron para converter o Estado nun actor financeiro internacional; os atrancos como o de Repsol con Pemex, ou de Iberia con British mostran que ademais de constituír un exemplo de megalomanía expansionista, non supoñen beneficio ningún para as familias. Mediante propostas concretas no seu programa, este é outro dos debates que as forzas progresistas teñen que introducir na sociedade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.