O persoal de investigación da USC iniciará novas mobilizacións para denunciar a súa discriminación

Denuncian que se lle paga por debaixo do salario mínimo que fixa a normativa e que estiman en máis de 1.000 euros ao ano.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/02/2019 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) acordou por unanimidade na súa última asemblea -celebrada o 29 de xaneiro- iniciar mobilizacións e diferentes accións de protesta. Unha decisión que din, se viron obrigados a adoptar polo actual Equipo de Goberno da USC. “Segue facendo oídos xordos ás reiteradas peticións realizadas para tratar de solucionar a situación de discriminación e inxustiza que sofre o colectivo”, din.

Mobilización do persoal de investigación da USC
Mobilización do persoal de investigación da USC | Fonte: investigadores da Universidade de Santiago de Compostela

Nun comunicado, piden que se poña fin á discriminación á que se vén sometendo a unha parte do persoal de investigación desde 2016, cando se lle empezou a pagar por debaixo do salario mínimo que fixa a normativa. Tamén critican que se lles neguen as subidas salariais e se lle deixe de aboar a indemnización por extinción de contrato. “Só pedimos que tódalas persoas que teñen a mesma categoría profesional teñan garantidas as mesmas condicións laborais mínimas que xa recolle a normativa da USC”, denuncian.

Así, destacan  que, para unha investigadora FPU/FPI, a diferenza entre o que percibe (1.173,00 €/mes) e o que figura na táboa de salarios mínimos actualizada (1.244,91 €/mes) supera xa os 1.000 euros anuais. “Dase ademais por primeira vez a circunstancia de que un axudante de apoio á investigación percibe xa un salario mínimo (1.193,97 €/mes) superior ao das propias investigadoras destas convocatorias. Algo inaudito”, critican.

Neste sentido, suliñan que xa lle trasladaron esta petición ao Xerente, Javier Ferreira, e á Vicexerenta de Persoal, Pilar Martínez, nunha xuntanza mantida con eles o 7 de decembro, e que rematou coa solicitude do xerente de que se lle remitiran estas demandas e co seu compromiso de levalas e tratalas na mesa de negociación cos sindicatos. Ademais, destacan que os sindicatos desta mesa; CCOO, CIG, CSIF e UGT, din estar dacordo con etas demandas. 

Pola súa parte, critican ao reitor, Antonio López, por non respostar ás peticións que se lle fan desde a AIC para reunirse con eles, a pesar de ter sido unha promesa da súa campaña eleitoral. “Non entendemos como é posible que prefiran seguir malgastando diñeiro público en pagar honorarios de avogados, indemnizacións e custas xudiciais en vez de investilos en investigación. Sobre todo, cando solucionar esta situación depende única e exclusivamente do Equipo de Goberno. É algo realmente inexplicable”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta