Os socialistas galegos ven a figura do relator como unha "vía de diálogo" para ter unha solución en Cataluña

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, di que "o Goberno ten todas as claves sobre a mesa para tomar as mellores decisións".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou este mércores en Ourense que a formación defende a figura do relator na mesa de diálogo entre Govern e Goberno de España, xa que é un tema "complexo" no cal "fai falta buscar vías de diálogo para solucionar un conflito que xa leva moitos anos nunha situación moi difícil de desatrancar".

Neste sentido, ao ser preguntado por esta figura, o líder dos socialistas galegos apuntou que a "solución" ten que vir "garantindo que o PSOE cumpre coa Constitución e co Estado de Dereito", a través do "diálogo" e tendo en conta "cales son as liñas vermellas" que "non se poden traspasar".

"A xustiza ten que actuar e o poder político ten que respectar as accións xudiciais á vez que o ámbito político ten que buscar vías de diálogo; o Goberno ten todas as claves encima da mesa para tomar as mellores decisións que sexan compatibles coa Constitución e o Estado de Dereito, e así o están facendo cando establecen mecanismos que tentan avanzar nesa liña", engadiu.

DEBATE DE COMPETENCIAS

En relación ao debate das competencias do Estado e das comunidades autónomas, Gonzalo Caballero sinalou que o PSdeG "está moi cómodo", posto que cre que "Galicia ten que ter o mesmo ámbito de competencias que Cataluña ou País Vasco". Á súa vez, apuntou que "quen non está cómodo é o presidente da Xunta", Alberto Núñez Feijóo, ao que se referiu como un "campión do cinismo político".

"Decide votar en Galicia que quere máis competencias e á vez aplaude o pacto do PP con Vox, cando Vox quere recentralizar o Estado; durante a súa etapa na Presidencia da Xunta, non conseguiu máis competencias, e cando gobernaba Rajoy en Madrid, non pedía máis competencias nin pedía que executase os millóns de euros orzados que non executaron, máis de 2.300 millóns", criticou.

Á súa vez, o representante dos socialistas galegos avanzou que o PSdeG vai traballar "" no Parlamento para que "o marco competencial para Galicia sexa equiparable ao de Cataluña e País Vasco" en base á "solidariedade entre cidadáns". "A cuestión máis complexa está no Partido Popular. Nunha etapa na que se está caendo e desmoronando electoralmente, non ten capacidade de ter o mesmo discurso nos distintos lugares do país e o seu discurso non é crible", concluíu Gonzalo Caballero.

O secretario xeral do PsdeG, en Ourense
O secretario xeral do PsdeG, en Ourense | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta