Facendo un país entre todos

Cando estamos ás portas dun novo proceso electoral o PSOE volve a falar, aínda que so sexa por oportunismo electoral, da reforma do Estatuto galego, unha das forzas políticas, que conforman o nacionalismo galego, lanza no seu congreso unha mensaxe que trata de ampliar a base social do galeguismo e do nacionalismo, sabedora de que se os apoios electorais non superan o vinte por cento do electorado e rachan coa maioría actual dos dous terzos no parlamento de Santiago, pequena será a influencia nacionalista nas decisións importantes que afecten a esta terra.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 21/09/2011

Comparte esta noticia

 Por tal motivo  e pensando en clave de futuro, o Partido Nacionalista Galego  (PNG-PG) do inesquecido Xosé Rodríguez Peña (Pepe Peña para os amigos) lanza unha mensaxe conciliadora e de apertura, para tratar de conectar cos sectores sociais que aspiran que Galicia teña unha política de seu que lle dea contestación aos problemas reais dunha sociedade moderna,  dinámica, plural e aberta como a día de hoxe é a  nosa.

Para acadar tal cometido o PNG-PG  afirma que este pais ten que acadar a complicidade dunha maioría social que  dende unha óptica galega teña unha posición preponderante que lle poña  solución os problemas reais das nosas xentes. Por  iso, resulta esencial,   escoitar aos cidadáns, a esa Galicia real, a Galicia activa conformada polos  diferentes sectores produtivos: aos grandes, medianos e pequenos empresarios, aos  autónomos, aos asalariados, as profesións liberais, a todos os membros que conforman esta sociedade.  Temos a día de hoxe un  pais que está a soportar un dos maiores niveis de paro de todo o Estado. Somos a comunidade máis castigada coa emigración dos nosos mozos e mozas cara países europeos. Capital humano ben preparado que non atopa traballo na súa terra.

Temos cantidade de aldeas e pobos desertos ou a piques de morrer no abandono. Isto  como consecuencia de políticas de decenios deliberadamente erradas.  Temos un sector primario  comido polo ermo, froito de políticas  que agora reflicten a súa cara máis negativa. E que evidenciou que cando os nacionalistas tiveron a responsabilidade de goberno, con imaxinación e medidas políticas activas centradas no país, pódese, a pesares das dificultades, saír desta nefasta situación. A mensaxe que tanto a dereita e a esquerda estatal fixeron calar de  que somos un país subsidiado, é falsa. Galicia ten un potencial inmenso que só está agardando políticas  acaídas que o fagan evolucionar positivamente.
Vivimos nunha época de recesión económica mundial, onde os recortes sociais ameazan sectores básicos como a sanidade e o ensino. Vivimos tamén, nunha época de recesión no político, pois parece que as Comunidades  Autónomas son o principal problema do Estado, cando foron o motor do desenvolvemento dunha España centralizada soamente nos polos industriais tradicionais. Nese senso, nos entendemos que  modificar o Estatuto para adaptalo aos tempos e a realidade social dende unha óptica Galega é algo imperioso e necesario.

E para tal concurso o Galeguismo e o  nacionalismo galego ten que afacerse á idea de que, soamente cunha visión moi ampla, de altas miras, non sometida a ideoloxías importadas e  fracasadas, ideoloxías  de países que optaron finalmente polo modelo político  occidental como o mellor sistema, poderán solucionase os problemas desta sociedade. En fin, o PNG-PG quere presentarse ante Galicia cunha mensaxe de esperanza; unha mensaxe positiva; unha mensaxe aberta para, entre todos, amosar a cara dinámica, tolerante e universal dun nacionalismo, radical na defensa desta terra e  das súa xentes, pero conciliador,  solidario  cos pobos do Estado e  creativo  que fuxa dos   dogmatismos ideolóxicos  e que traballe para solucionar os problemas dunha sociedade que quere acadar un futuro mellor para todos os homes e mulleres que a habitan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com