Tan difícil ser 200

Hai uns meses, o semario The Economist, publicación tan conservadora como rigorosa, levou á súa portada o artigo “Gendercide in India”.

Por Emilio Martinez | Pontevedra | 23/09/2011

Comparte esta noticia

Nas páxinas interiores, a publicación narraba como nos últimos anos as prácticas de abortos selectivos teñen feito que os ratios nenos/nenas por cada mil nacementos (aproximadamente 950 nenas por cada 1.000 nenos é o ratio natural) teñan empeorado nalgúns estados do subcontinente. Un destes estados é Tamil Nadu. Estas prácticas son un reflexo dunha sociedade onde a muller non é considerada apenas unha cidadá de segunda clase, senón, en amplas capas sociais, meramente un obxecto de baixo valor, un custo engadido, unha carga da que convén desfacerse.
Contra esta situación loitan moitas organizacións e entidades, tanto locais como de terceiros países, que deben enfrontarse a prácticas sociais e culturais moi arraigadas, á corrupción nas administracións e nas forzas policiais e á falta de medios para desenvolver os seus programas de actuación. Unha desas organizacións é galega: Implicadas no Desenvolvemento (IND). Implicadas foi creada a finais dos anos 90 e traballa dende os seus comezos na India e, dende hai uns anos, en Etiopía. Hai dúas características que podemos resaltar de Implicadas: é unha organización galega e é unha organización radical. Galega porque fai cooperación dende este país, dende o entendemento de que a solidariedade entre os pobos susténtase na propia cultura, na propia identidade da sociedade que sustenta a organización. Radical porque os seus programas van ao cerne dos problemas: tentan remover as estructuras económicas, sociais e culturais que fan que a pobreza e a desigualdade sigan existindo e se reproduzan. Os seus proxectos teñen como finalidade primordial loitar contra as prácticas que fan que a muller desapareza como suxeito, prácticas que a negan, que a cousifican, que a agochan…

Hai uns meses, Implicadas comezou unha campaña de captación de socias e socios cuns obxectivos humildes: acadar 200 colaboradores/as máis. Pasaron xa nove meses e, malia o apoio e o compromiso de persoas moi coñecidas no mundo da cultura galega (por exemplo Luís Tosar ou Iolanda Castaño entre moitos outros), a pesar de múltiples actos e presentacións e malia todos os esforzos, non teñen acadadado nin a metade da axustada meta. Os 200 socios e socias son precisos, son indispensábeis, para poder manter os programas de erradicación do infanticidio feminino e garantir a súa independencia financeira das administracións públicas, sobre todo nun momento no que estas administracións recortan os sempre exiguos fondos. Lembremos que a Xunta, hoxe principial financiador público en Galicia, reduciu os fondos de cooperación entre 2010 e 2011 en case un 50% con respecto a 2009.

A dificultade de Implicadas en sumar adhesións chama máis a atención cando examinamos as cifras de socios/as e colaboradores/as das grandes ONGDs estatais ou internacionais. Segundo os datos da Guía de ONGDs de Galicia 2009/2010, publicada pola Coordinadora Galega de ONGDs, e a información das memorias anuais de varias entidades, Cruz Vermella ten en Galicia máis de 31.000 socios/as, Intermón-Oxfam máis de 7.000, a organización católica Mans Unidas, 3.600; 11.400 son cos que conta UNICEF; Intervida suma preto de 6.000; Médicos Sen Fronteiras supera os 10.000; Axuda en Acción recibe as contribucións de preto de 7.500 “padriños” galegos…

Os proxectos de Implicadas en India ou Etiopía teñen a mesma calidade na súa xestación e execución que calquera dos proxectos das grandes ONGDs, pero semella que a inmensa maioría dos galegos e galegas temos aínda a crenza, nisto como en tantas outras cousas, que o de fóra sempre é mellor, incluso cando falamos de organizacións sociais. Non sería malo que lle désemos unha oportunidade a Implicadas, que nos désemos unha oportunidade como pobo e demostrásemos que hai unha cooperación internacional galega, que non precisamos, tampouco nisto, de intermediarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.