O Goberno está disposto a negociar transferencias, pero pide á Xunta que se aclare

Javier Losada asegura que se poderá debater o traspaso das competencias que permita a Constitución, pero advirte de que, para demandalas, "hai que atendelas", en referencia á xestión da sanidade pública.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/02/2019 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, asegurou que o Executivo de Pedro Sánchez "está disposto" a analizar o traspaso das competencias á Comunidade galega que permita a Constitución e instou á Xunta a "porse de acordo entre si" sobre se quere ou non estas transferencias.

Nun almorzo informativo ofrecido este xoves en Santiago de Compostela, Javier Losada referiuse ao cambio de postura nas filas do PPdeG despois de que a Xunta esixise nun primeiro momento a negociación de novas competencias e logo dixese  que non é a prioridade.

Respecto diso, o delegado do Goberno considerou que "o primeiro" é que a Xunta "se poña de acordo" e que, se quere esas competencias, o Executivo estatal "vainas a analizar". "Se está dentro da Constitución e do Estatuto, o Goberno central negociará, como negociou no seu momento co presidente Emilio Pérez Touriño", manifestou para lembrar que nos dez anos de Feijóo á cabeza da Xunta non se produciu ningún traspaso.

Ademais, describiu o Executivo estatal como un Goberno con "vocación galeguista", "profundamente constitucional". "Por iso cre no Estado autonómico e forma parte del", apuntou.

AS COMPETENCIAS "HAI QUE ATENDELAS"

Previamente,  Losada expresara que para demandar competencias "é necesario atendelas" e "dar exemplo". Deste xeito, criticou a xestión da sanidade pública por parte do Goberno de Núñez Feijóo e sinalou de que "ata os propios médicos advirten de que están a xestionar a miseria".

"As competencias están para xestionalas, non para lucirse, Galicia é a terceira comunidade con máis competencias transferidas, 154, só por detrás de Andalucía e de Cataluña e moi por diante do País Vasco", manifestou o delegado.

O delegado do Goberno, Javier Losada, e o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero
O delegado do Goberno, Javier Losada, e o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta