Temas: FRASEOLOXíA

“En crequenas” ou “de crequenas”, no canto da castelá “en cuclillas”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 10/02/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para nos referirmos á postura que adopta unha persoa cando se atopa coas pernas encolleitas e de tal xeito que as súas nádegas se achegan ó chan ou case descansan nos calcaños, hoxe en día o máis corrente e habitual é escoitarmos que a dita persoa está en cuclillas ou se puxo en cuclillas, importando directamente a expresión castelá. Sen embargo, en galego dispomos de varias locucións que fornecen exactamente ese mesmo contido. Vexamos algunhas delas:

Ana Peleteiro, preparando un salto
Ana Peleteiro, preparando un salto

En cuclillas

{= Agachada unha persoa coas pernas encolleitas e de xeito tal que as súas nádegas se acheguen ó chan ou que case descansen nos calcaños.}

De crequenas

En crequenas

● Tamén, como variantes menos recomendables reflectidas no Dicionario da Real Academia Galega (DRAG), ou, dito doutro xeito, non priorizadas desde un punto de vista normativo:

De querquena(s) && En querquena(s)

Ex.: El asesino debió de esperar aquí, escondido y en cuclillas, a que llegara su víctima.

O asasino debeu de agardar aquí, agachado e de crequenasen crequenasde querquena(s)en querquena(s), a que chegara a súa vítima.

● E mesmo tamén, como locucións non recolleitas, cando menos a día de hoxe, no DRAG:

A cachoupiño && Ó cachoupiño && A/Á catacuña && De cúcaras && En cúcaras && De cricas

Ex.: O asasino debeu de agardar aquí, agachado e a cachoupiñoó cachoupiñode cúcarasen cúcarasde cricas, a que chegara a súa vítima.

● E inda tamén, a xeito de participios:

Encrequenado && Anicado && Anasado && Anesgado && Aserado && Aniñado

Ex.: O asasino debeu de agardar aquí, agachado e encrequenadoanicadoanasadoanesgadoaseradoaniñado, a que chegara a súa vítima.

NOTAS:

1. Polo que atinxe á locución a cachoupiño, tamén a rexistra Elixio Rivas Quintas na súa obra Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978, mais neste caso como equivalente a “a la pata coja”.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán. Publicado en 1950. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Martín Sarmiento: Material lexicográfico elaborado por Frei Martín Sarmiento entre 1745 e 1770. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Pintos Villar, Juan Manuel: Vocabulario gallego-castellano. Datado ó pé de 1865. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Porto Rey, Francisco: Diccionario gallego-castellano, publicado en 1900. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (en liña).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego, publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 topete

Anhicado disse na minha aldea.

1 eusi

Abaixado: asi de simple se si no Barbansa

1 Xosé Antonio Pena

Si que é outra opción, pero abrangue un contido máis amplo, pois non ten por que implicar dobrar as pernas de xeito que os calcaños case batan nas cachas. De feito, apañamos as patacas abaixados, pero case nunca de crequenas. Graciñas pola achega.