A campaña de vacinación en Galicia contra a gripe cubriu case 30.000 persoas máis que a anterior

A vacinación entre os profesionais da sanidade superou en seis puntos o obxectivo fixado ao comezo da campaña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2019 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

Un total de 566.424 persoas vacináronse en Galicia durante a campaña da gripe deste ano, o que supón case 27.000 máis que na anterior, segundo o balance ofrecido este xoves polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Ao termo do Consello da Xunta, o número dous do Goberno galego expuxo os datos da recentemente terminada campaña de vacinación, que concluíu o pasado 25 de xaneiro despois de ser ampliada por un mes máis debido ao atraso na chegada da onda de gripe.

Rueda destacou o balance "positivo" da campaña, na que se administraron un cinco por cento máis de vacinas que na anterior. Ademais, tamén resaltou o incremento na taxa de cobertura dos grupos de risco, como os maiores de 65 anos, persoal sanitario ou embarazadas; sectores nos que se alcanzou un 52,78 por cento. Así, a vacinación entre os profesionais da sanidade superou en seis puntos o obxectivo fixado pola Xunta ao comezo da campaña. A taxa de cobertura entre este colectivo chegou ao 46,49 por cento, oito puntos máis que o pasado ano. Entre eles, o persoal de Atención Primaria foi o que máis acudiu a vacinarse (56,53 por cento).

GRUPOS DE POBOACIÓN

En canto á clasificación por grupos de poboación, a campaña antigripal 2018/19 chegou ao 58,58 por cento dos galegos maiores de 65 anos, un punto máis que o pasado ano. Por franxas de idade, a campaña logrou unha taxa de cobertura do 65% nos maiores de 75, o 57% nas persoas de entre 70 e 74 anos e o 44,37% dos que teñen entre 65 e 69 anos. Ademais, a taxa entre mulleres embarazadas alcanzou o 52,78 por cento, o dobre que na campaña 2017/18. Deste xeito, o obxectivo establecido foi superado en doce puntos coas 6.448 doses de antigripal administradas, 2.843 máis que o pasado ano.

Vacina, gripe, sanidade, enfermaría, paciente, enfermidade, saúde, sanidade. XUNTA - Arquivo
Vacina, gripe, sanidade, enfermaría, paciente, enfermidade, saúde, sanidade. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta