Angrois.- Vítimas concéntranse o luns ante o Congreso para esixir responsabilidades a Pastor e Blanco

A plataforma leva máis de cinco anos de "loita" para que "dean a cara" os cargos políticos "decisivos" no accidente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2019 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia, que en xullo de 2013 deixou 80 mortos no barrio compostelán de Angrois, concentrarase o vindeiro luns fronte ao Congreso dos Deputados, coincidindo coas comparecencias dos exministros de Fomento Ana Pastor e José Blanco, aos que esixirán que "pidan perdón e asuman a súa responsabilidade".

A mobilización, que sucederá a outras tantas celebradas por esta asociación ante as Cortes, está convocada para as 16,00 horas, segundo informou a plataforma, que desde que ocorreu o sinistro reivindicou unha comisión para depurar eventuais "responsabilidades políticas", máis aló das penais, que se dirimen nos xulgados de Santiago.

Ademais, o acto terá un marcado carácter de protesta tendo en conta que as vítimas solicitaron ter a última palabra na comisión de investigación, pero PP e PSOE impediron esta posibilidade e ofreceron a cambio unha reunión cos portavoces a porta pechada, o que para eles é "un escándalo" e unha nova "afronta".

Pastor, hoxe presidenta do Congreso, e Blanco, eurodeputado, teñen para as vítimas "claras responsabilidades políticas" na traxedia. Nun comunicado de prensa, sinalan ao socialista porque "publicitou aos catro ventos a primeira liña de alta velocidade en Galicia, asegurando que se incrementaba a seguridade e que tanto a liña como o tren, contaban cos sistemas de seguridade que evitasen o accidente".

Protesta das vítimas de Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo
Protesta das vítimas de Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

OS EXPEDIENTES DE EUROPA

Unha "proba máis" das súas "responsabilidades políticas" son, en opinión das vítimas, "os procedementos de infracción que a UE abriu a España por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria".

"O último deles sinala graves deficiencias nas análises de riscos. Precisamente, na traxedia de Angrois non se fixo a preceptiva análise de riscos nin ao realizar o cambio do proxecto,nin ao desconectar o sistema de seguridade, motivo polo cal está imputado agora mesmo o Adif", aseveran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta