Compostela Aberta: "Por que o PP non denuncia as empresas contratadas por nós nas que hai familiares do PP?"

Asegura que CA destinou menos fondos a contratos menores que o goberno do PP e que algunhas desas empresas sinaladas tamén traballaban cos gobernos do PP.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2019 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A primeira tenente de alcalde de Santiago, María Rozas, acusou este venres ao PP de pretender realizar unha "caza de bruxas" con fins electoralistas e lembrou aos populares que é "delito" o "atacar a empresas pola súa ideoloxía".

Así se pronunciou Rozas a preguntas dos xornalistas por mor da polémica xurdida despois de que o Partido Popular acusase a Compostela Aberta de realizar adxudicacións de contratos menores a empresas afíns á formación.

Ante isto, María Rozas atribuíu ás populares "técnicas de mafia", cargando "contra empresas pola súa ideoloxía", nas que a tenente de alcalde considera unha "caza de bruxas" con fins "electoralistas". "O único que queda contra a mafia é a democracia", advertiu.

Para María Rozas, as críticas do PP o que fan é "mandar unha mensaxe aos empresarios da cidade": "Se simpatizas con Compostela Aberta, non vas traballar na cidade", dixo a edil, que precisou que as empresas sinaladas polos populares "traballan tamén con outras administracións" doutras cores políticas e, algunhas delas, foron contratadas durante o goberno popular en Compostela. "Son empresas recoñecidas por traballar con todas as administracións", destacou.

Do mesmo xeito, Rozas preguntou o motivo polo que o PP "non está a publicar" tamén "os datos das empresas que contrata Compostela Aberta nas que traballan familiares" dos populares. "Que as hai", sentenciou.

VE DIFAMACIÓN

María Rozas afeou ao PP o tratar de obter "réditos electorais" a través dunha "campaña de difamación" que "chega agora a empresas supostamente afíns" ao goberno local, e lembrou aos populares que "difamar a cargos e a empresas só por crer que teñen unha ideoloxía determinada, en democracia, é delito".

A contratación municipal, explicou Rozas, está avalada pola firma dun funcionario e realízase pola "calidade do servizo" prestado, polo que instou ao PP a "ir ao xulgado" se cre que existe algún tipo de irregularidade nestes casos. "Se hai un partido que é corrupto, é o PP, e para iso temos suficientes sentenzas", resolveu.

Por outra banda, sobre as acusacións ao goberno de Santiago de realizar un "abuso" dos contratos menores, María Rozas defendeu a actuación municipal. En concreto, contrapuxo a cifra destinada a contratos menores o pasado ano (de catro millóns de euros) cos case sete millóns destinados en 2014, durante un goberno do PP, ou os 10 millóns de euros que inviste neste tipo de contratos o Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG.

A concelleira María Rozas fala sobre as críticas do PP
A concelleira María Rozas fala sobre as críticas do PP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta