Feijóo cre que Pedro Sánchez está "humillando" a España

O presidente da Xunta di que "a dignidade do pobo español non é negociable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2019 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considera que a figura do relator anunciada polo Goberno de Pedro Sánchez para mediar na mesa de partidos de negociación coa Generalitat de Cataluña constitúe "unha humillación en toda regra" para o Executivo central, ao "someterse" a unha "chantaxe permanente" dos independentistas cataláns.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. XUNTA | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios tras a súa comparecencia ante a Cámara de Comercio de España en Nova York, o titular da Xunta advertiu que a dignidade do pobo español "non é negociable".

"Non hai ningún presidente do Goberno de España que poida prescindir da dignidade dos españois en calquera das súas actuacións e, neste caso, someterse á chantaxe permanente daqueles que non cren na unidade de España", unha "nación desde hai 500 anos", aseverou.

Neste contexto, Feijóo alertou de que "non hai ningún español, por suposto nin o señor Torra —presidente da Generalitat— nin o señor Puigdemont —expresidente—, que é quen manda, nin por suposto o presidente do Goberno, que teñan competencias para humillar ao conxunto de todos os españois".

Ademais, expresou a súa "sorpresa" con que o Executivo central "necesite utilizar unha figura inexistente" como é, tal e como asegurou, o relator, nas relacións co Goberno dunha Comunidade Autónoma.

"Eu non estou de acordo co Goberno socialista. Non son socialista, son presidente dun goberno dunha Comunidade Autónoma dun partido distinto, pero non creo que o Goberno de España se teña que humillar ante ningún goberno dunha Comunidade, nin do Partido Socialista nin doutro", manifestou.

Todo iso, segundo Feijóo, permite "descubrir aos poucos por que o señor Sánchez é presidente do Goberno": "Porque o independentismo catalán quíxoo. Xa imos coñecendo cal é o prezo que se ha de pagar para permanecer en Moncloa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta