O efecto Vox tamén podería cambiar o panorama político municipal en Galicia

O PP adaptou xa a súa mensaxe ao partido da ultradereita porque podería ter que precisar o seu apoio para gobernar nalgunhas cidades, tal e como apuntan algúns estudos demoscópicos. O efecto Ciudadanos desinchariase, precisamente, pola polarización entre esquerdas e dereitas. Baixan PPdeG, PSdeG e as mareas e subiría algo o BNG.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 08/02/2019 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

Diversas formacións políticas e xornais encargaron xa enquisas de cara as municipais. Algúns deles coñecen xa os resultados que deparan algunhas sopresas, sobre todo, nas grandes cidades, coa posible irrupción de Vox.

Simpatizantes e militantes de Vox con bandeiras de España durante as eleccións en Andalucía
Simpatizantes e militantes de Vox con bandeiras de España durante as eleccións en Andalucía | Fonte: Cuatro

Segundo puido confirmar Galicia Confidencial, os principais partidos coñecen xa o resultado de varias enquisas, algunhas encargadas por eles e outras por distintos medios de comunicación. Estes estudos demoscópicos conteñen certas variacións pero todas apuntan a posibilidade de que o fenómeno Vox tamén chegará a Galicia e podería condicionar algún goberno municipal.

De feito, a combinación destas enquisas –que dispoñen desde as grandes mareas locais a Ciudadanos, pasando polo PPdeG-- destacan variacións en catro concellos; Ferrol, Ourense, A Coruña e Lugo. Nos tres últimos o resultado é incerto, mentres que no de Ferrol, as distintas sondaxes apuntan a unha vitoria da dereita, pero co apoio de Vox.

EFECTO VOX E FREO A CIUDADANOS

De feito, a ultradereita podería sacar bos resultados en todas as grandes urbes galegas. Nalgunhas mesmo superaría ás mareas e ao BNG, aínda que as posibilidades de poder obter representación son máis reais na Coruña, Ferrol e Lugo. Curiosamente, son estas provincias nas que o Partido Popular modificou a súa mensaxe inicial contraria aos pactos con Vox e nas que os alcaldables da Coruña e Lugo, primeiro, e posteriormente, o secretario provincial do PP, Diego Calvo, falaron abertamente dun pacto coa ultradereita.

Voto nas eleccións municipais
Voto nas eleccións municipais

Estes primeiros estudos demoscópicos tamén destacan que o efecto Ciudadanos en Galicia paralízase, e mesmo retrocede nalgúns sitios. Un feito que podería explicarse pola irrupción de Vox e a “dereitización” do polo político onde está agora situado precisamente esta formación.

Ademais, as distintas enquisas apuntan a unha caída de votos do PSOE e do PP, así como dalgunhas mareas locais, precisamente, as que gobernan,  e un leve repunte do BNG. Con todo, o PSdeG podería resistir en Lugo e as mareas na Coruña e Santiago. O PP baixaría en Ourense e mesmo perigaría a alcaldía. 

As únicas cidades que, polo momento, manterían invariable os seus alcaldes serían a de Pontevedra, aínda que algunhas enquisas apuntan a un leve retroceso do voto nacionalista, e a de Vigo, que mesmo incrementaría a avultada maioría absoluta que xa obtivo en 2015.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

canto máis se fale deles... peor para todos! pero tamén habería que pedirlles responsabilidades aos falabaratos de En Marea se estas nefastas perspectivas se chegan a confirmar... Cabrear á xente sempre remata sendo favorable para os sectarios de toda caste!

1 Cachamuíña

Oiches, Gamela: vai poñendo as barbas a remollo. As alcaldías acabarán en mans da dereita coaligada, A xente está moi cansa dos desvaríos da esquerda, dos nacionalistas e dos independentistas. Ao final, qué aportaron eses mareados as súas cidades? Ideoloxía de pastel e pouco máis. Os do Bloque xa non aportan nada dende hai moito tempo (agás Lores, que sigue no cargo porque fai política non nacionalista). O Psoe? Dimo tí mesmo...Ao PP bástalle con manter o seu manido discurso do Luar e outro maioría incontestable (Con ou sin os laranxas e Vox). Xa verás.

2 nostrus

Gamela, tes razon no de "Cabrear á xente sempre remata sendo favorable para os sectarios de toda caste". Aplícate o conto cos podemoides e mareados.