O BNG ve a Feijóo un "vasalo" que "abraza o discurso da ultradereita que lle marca Casado"

Ana Pontón volve criticar a presenza prevista este domingo en Madrid do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na protesta convocada contra o Goberno de Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2019 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu criticar a presenza prevista este domingo en Madrid do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na protesta convocada contra o Goberno de Sánchez, tras cambiar a súa axenda institucional, por demostrar que "é un vasalo" que entoa ante Pablo Casado "o se ti me dis vén, déixoo todo".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, preside o Consello Nacional da formac. BNG
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, preside o Consello Nacional da formac. BNG | Fonte: Europa Press

Tras a celebración do Consello Nacional da formación nacionalista, Pontón censurou que Feijóo demostrase que as súas prioridades son "primeiro, o PP, segundo, o PP e terceiro o PP", despois de que modificase a axenda institucional da súa viaxe a Estados Unidos, como presidente da Xunta, para poder estar na protesta do domingo, á que inicialmente anunciara que non podería acudir.

Para Pontón, Feijóo "abraza o discurso da ultradereita que lle marca Casado" e ironizou que a súa actitude lembra o coñecido bolero, porque "Casado díxolle vén, e Feijóo apurouse a coller un avión desde Nova York e plantarse en Madrid, que bo vasalo se tivese bo señor".

"Tanto dividirse e ao final xúntanse todos", ironizou sobre a protesta apoiada por PP, Ciudadanos e Vox, e á que tamén se suman grupos fascistas e neonazis como Falange, Hogar Social e España 2000.

Unha situación que enmarca nun contexto de "involución democrática" en España, "agravado" por unha "dereita con frenesí españolista e botada ao monte", que pon "autobuses a Madrid contra algo tan fundamental en democracia como é o diálogo", que mostra "a súa peor cara co machismo e o racismo", e ante unha esquerda á que lle marca as decisións a dereita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta