Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2019 | Actualizada ás 20:37
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou a "epopea de millóns de galegos" que emigraron de forma anónima e que se despediron dunha Galicia que agora se transformou nunha "terra puxante", dixo. Así o manifestou na súa intervención na inauguración en Nova York da exposición 'Os adeuses', homenaxe aos emigrantes galegos, pero tamén un recoñecemento aos que os acolleron.
Feijóo subliñou durante a súa intervención o cambio que experimentou Galicia, unha comunidade "plenamente democrática dentro dunha España plural" que "garante todas as liberdades".
Pero Feijóo tamén puxo en valor a achega dos emigrantes neste cambio tanto material —como proba que en calquera recuncho de Galicia haxa "unha escola, unha fonte, un monumento, que se construíron grazas ao seu filantropía—_ como a achega inmaterial", que considera "máis decisiva" e que "xerou un novo orgullo de pertenza".
"Grazas ás noticias dos seus parentes de uUltramar, Galicia comezou a sentirse un pobo capaz de afrontar empresas ambiciosas", afirmou.
Segundo manifestou Feijóo, o factor que explica ese cambio experimentado por Galicia é a "liberdade", que permitiu "despregar un potencial que só se manifestaba na diáspora".
Na mostra de 73 fotografías do fotógrafo coruñés Alberto Martí sinalou que hai unha lección que transcende o ámbito galego para converterse en ensino universal: "Non hai ningún pobo que non sexa apto para a liberdade e o progreso", destacou.
O presidente da Xunta enxalzou deste xeito que a "xeografía sentimental" dos galegos sitúaos moi preto de América e fai de Galicia un territorio americano máis, para concluír que o galego soubo ser de "aquí sen deixar de ser de alá", sentíndose tamén en casa en Queens, en Cherry Street ou nos barrios próximos ao Brooklyn Bridge.
E destacou que a Galicia a definen os camiños: un terrestre, o de Santiago, que une a Europa; e un marítimo, que une a América.
Nesta liña, subliñou que "a emigración galega ten un aspecto tráxico e outro que se refire á capacidade de superación dun pobo, a súa solidariedade, a súa capacidade, en suma, para cambiar o destino ao que parecía condenado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.