Denuncian que o orzamento do Sergas se reduciu un 15% desde que Feijóo é presidente

Podemos Galicia critica a Xunta por "converter a saúde nun negocio".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2019 | Actualizada ás 20:32

Comparte esta noticia

O orzamento do Servizo Galego de Saúde (Sergas) reduciuse un 15% desde que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está á fronte do Executivo autonómico, segundo datos de Podemos Galicia. Tal como sinalou a organización, nos últimos dez anos, as políticas en materia de sanidade postas en marcha polo Goberno galego provocaron "unha gravísima deterioración na calidade asistencial".

"Ese modelo encobre a consolidación da privatización da sanidade galega. Unha situación intolerable que leva anos sendo denunciada polas asociacións de usuarios da sanidade e polos profesionais", sinalou Podemos Galicia.

Protestas en Vigo por unha Sanidade pública
Protestas en Vigo por unha Sanidade pública | Fonte: Miguel Núñez

Esta situación, a xuízo de Podemos, "pon un servizo público esencial en mans privadas", polo que "converte a saúde nun negocio" onde o interese público "queda relegado pola xeración de beneficios á conta da saúde".

"Ademais, permite que grandes empresas extorsionen aos contribuíntes mediante ameazas de suspensión de pagos coas que renegociar contratos asinados fai apenas tres anos, como foi o caso do hospital Povisa de Vigo hai uns meses", apuntou.

Para o partido político, esta estratexia "privatizadora" repercute "directa e negativamente" sobre a calidade da sanidade de Galicia.

Pola súa banda, segundo cifras de Podemos, o recorte da partida orzamentaria dedicada ao persoal foi dun 21% desde 2009, "convertendo a precariedade laboral dos profesionais sanitarios na norma imperante no sistema".

"A precarización maniféstase nas consultas de atención primaria, onde cada profesional atende entre trinta e sesenta pacientes diarios, o que supón unha media de dez minutos por persoa. Un tempo incompatible cunha atención de calidade", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta