Manifesto: "A sanidade pública galega está en perigo, defendámola"

Este é o manifesto da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia na manifestación deste domingo en Santiago de Compostela. Lectura por Isabel Risco e Quico Cadaval.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/02/2019 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

Masiva manifestación en Santiago de Compostela este domingo en defensa da sanidade pública galega, na que tamén estiveron representantes de todos os partidos con representación no Parlamento galego, agás o PP, que preferiu manifestarse este mesmo día en Madrid contra o Goberno de Pedro Sánchez polas negociacións co Govern catalán, canda o partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis.

Representantes políticos na manifestación en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública
Representantes políticos na manifestación en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública | Fonte: BNG.

Este é o manifesto completo: 

A Sanidade Pública Galega, está en perigo. Defendámola:

Temos un dos mellores sistema sanitarios do mundo, segundo a Organización Mundial da Saúde e as máis prestixiosas revistas internacionais; e está sendo derrubado aos poucos, para deixar espazo ao sector privado. As grandes multinacionais sanitarias viron en Galicia unha gran oportunidade de negocio, e contan coa colaboración dese gran comercial que é Núñez Feijoo.

A política da Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular, esta orientada a recortar, desmantelar e privatizar a Sanidade Pública Galega: co argumento de afrontar a crise económica, Feijoo recortou de maneira importante os recursos sanitarios públicos: desde o 2008 reducíuse nun 20% o gasto sanitario, suprimido máis de 1.000 prazas de persoal, 500 camas hospitalarias, etc.

O resultado desta estratexia, evidénciase en:

• O mantemento e ocultación das listas de agarda, onde se acumulan miles de doentes pendentes de diagnóstico e tratamento. Antes de recibir atención, as persoas enfermas, deben pasar un calvario para acceder ás primeiras consultas, probas diagnósticas e tratamentos cirúrxicos.

• A masificación das consultas de atención primaria, nas que o persoal médico debe atender entre 30-40-50-60 pacientes ao día e que conduciu á aparición de listas de agarda nos Centros de Saúde. Moitos pacientes deben esperar máis dunha seman antes de ser atendidos.

• A deterioración dos Puntos de Atención Continuada, cuxa falta de recursos e persoal, conduciron a resultados dramáticos como todo o mundo coñece, polo que @s traballadores levan meses en folga.

• O colapso dos Servizos de Urxencias dos hospitais, nos que se acumulan pacientes nos corredores en canto aparece a mínima epidemia de gripe ou durante picos de sobrecarga por outras enfermidades. A loita d@s traballadores do servizo de urxencias de Santiago para amplialo e dotalo adecuadamente é un exemplo de altruísmo para mellorar a atención da poboación.

• A rebelión dos Servizos de Ambulancias, cuxos traballadores atopanse sometidos a condicións indignas.

A dimisión dos Xefes de Servizo de Vigo (que siguen dimitidos, diga o que diga o SERGAS) foi un punto de inflexión no conflicto pola mellora da Atencvión Primaria.

A privatización avanza a pasos axigantados, con resultados desastrosos como o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo sometido a importantes recortes de recursos e persoal, para favorecer o Concerto Singular co hospital privado POVISA, que non reúne as condicións de persoal e servizos similares ás dos hospitais públicos. O amiguismo político, os conflitos de intereses e as portas xiratorias dos xerentes dos hospitais e os cargos públicos, están detrás do trato de favor que recibe este centro. O fracaso da privatización hospitalaria en Vigo móstrao que é o que ten as maiores listas de agarda de toda Galicia.

Aínda que a mobilización popular conseguíu que a creación do Hospital Único de Pontevedra sexa de financiamento e xestión privada, os cambios introducidos pola empresa privada redactora do proxecto ao servizo do PP e do Hospital Quirón, suprimirá recursos para favorecer a concertación con esta multinacional, reducindo para ilo camas, quirófanos, recursos diagnósticos inicialmente previstos, perpetuando así os déficits da área de Pontevedra.

Nuñez Feijoo modificou a Lei Galega de Saude para cambiar o modelo sanitario galego coa finalidade de alcanzar 4 obxectivos estratéxicos:

En primeiro lugar, consolidar a marxinación e o sometemento da Atención Primaria aos hospitais: o PP aposta por reparar o dano á saúde centrando a súa estratexia na curación, transformando a saúde, nunha mercadoría que pode comprar e vender ao sector privado, en lugar da promoción, prevención e a educación sanitaria que son claves na Atención Primaria. Os Centros de Saúde e os PAC, cada vez máis empobrecidos e marxinados, poderían ser externalizados e subcontratados ao sector privado, como xa fixeron con outros servizos. A rebelión d@s traballador@s de Atención Primaria abre a esperanza de frear e reverter esta situación.

En segundo lugar, recentralizar o sistema acabando coa autonomía das áreas e hospitais comarcais:

• Elimináronse catro áreas sanitarias.

• Están a recortarse e desmantelando os hospitais comarcais, afastando á poboación rural da atención de saúde hospitalaria. Agora as persoas enfermas deben percorrer moitos quilómetros para recibir atención hospitalaria que antes tiñan preto dos seus domicilios. Aquí hai numerosas persoas e persoal sanitario que desde as Xuntas de Persoal e as Plataformas de defensa da sanidade, fixeron fronte a esta política inxusta e discriminatoria.

En terceiro lugar consolidar a precariedade laboral e abrir espazo á laboralización do persoal, mediante chiringuitos de xestión privada.

En cuarto lugar, poñer a investigación, o desenvolvemento, a innovación e a formación do sistema sanitario público galego, en mans de laboratorios, empresas tecnolóxicas, bancos e multinacionais, mediante a creación de organismos de xestión privada nos que o SERGAS pon o financiamento e o sector privado: se fai cas patentes e as innovacións.

Nuñez Feijoo declarou "que pretende transformar o Sistema Sanitario Público Galego no motor para o desenvolvemento empresarial, poñendo o afan de lucro das empresas por encima do dereito á saúde da poboación".

A Sanidade Pública enfróntase ao dilema de:

· Recuperar os recursos recortados ao longo destes anos e que a está sumindo nunha crise, que pon en risco o Sistema Sanitario Público Galego.

· Entrar nun proceso de deterioración, antesala da súa destrución.

O 26 de outubro de 2018 o estado español, membro da Organización Mundial da Saúde, asina a declaración de Astaná, renovando e reafirmando os principios recollidos xa 40 anos antes, na declaración de Alma-Ata. Isto significa que o Estado e as Administracións Públicas en xeral, consideran "inaceptábel dende o punto de vista ético, político, social e económico, que persistan as disparidades nos resultados sanitarios e a iniquidade na saúde". No mesmo texto, os 193 países que conforman a Organización de Nacións Unidas, por unanimidade, recoñecen que "os servizos de promoción, prevención, curación e rehabilitación, e a atención paliativa, deben ser accesíbeis a tod@s (...) Xa non podemos (...)  tolerar unha atención fragmentada, pouco segura ou de calidade deficiente. Debemos solucionar a escaseza de traballador@s da saúde e a súa distribución desigual. Debemos tomar medidas con respecto aos custos crecentes da atención sanitaria e os medicamentos e vacinas". Como Plataforma, estamos preocupados pola exclusión sanitaria, que está instalada no noso Sistema de Saúde. Éste, deixa en situación de desatención ás persoas máis vulnerábeis, como son: ás persoas estranxeiras regulares, irregulares ou con dobre nacionalidade; ás persoas maiores de 65 anos; @s menores; ás mulleres embarazadas; ás persoas que precisan atención urxente...

Por todo isto, reivindicamos a cobertura universal dun sistema público, gratuíto, de calidade e accesíbel para todas as persoas, sen que isto poida supor risco de pobreza, nin por en perigo a saúde e os valores que a nosa sociedade ten fixado como innegociábeis: os Dereitos Humanos, a perspectiva de xénero, a interculturalidade e a integración social dende a solidariedade".

Solucións dende o a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia:

Abrir unha MESA DE DIÁLOGO entre a administración e @s responsables políticos, sindicais e sociais. En pé de igualdade...está claro que o tema dos “Grupos de Traballo con afines” non é a solución.

Recoñecer que o Sistema Sanitario en Galicia é algo que ten que ter un CONSENSO entre as diferentes forzas políticas, para aplicar durante anos e ir mellorando o perdido por culpa da política do PP.+

AUMENTO DO ORZAMENTO na Atención Primaria, ata alcanzar o 25%.

ELIMINACIÓN DA TASA DE REPOSICIÓN: que se convoquen TODAS as prazas que están vacantes e que se permita a todol@s profesionais que o consideren, seguir no seu posto de traballo, despois dos 65 anos.

OPOSICIÓNS INMEDIATAS para cubrir TODALAS vacantes que existen.

NEGOCIACIÓN DIRECTA CA XENTE DOS PACS para evaluar a problemática e poñerlle solución.

NEGOCIACIÓN DIRECTA COS RESPONSABLES DOS SERVIZOS DE URXENCIAS ata alcanzar unha solución satisfactoria.

CAMBIO NAS CONDICIÓNS LABORAIS da xente que está contratada en precario. Recuperar @s profesionais que están fora do Sistema Sanitario Galego cambiando de forma radical os salarios, os contratos e as condicións laborais.

XERENCIA DE ATENCIÓN PRIMARIA, en pe de igualdade ca de atención Especializada. Con orzamento propio, autónomo e con capacidade para xestionalo.

TEMPO DE CONSULTA SUFICIENTE, eliminando a burocracia inútil, mellorando a comunicación entre os niveis, mellorando a organización das axendas e a atención urxente durante a xornada laboral.

AUTONOMÍA DOS CENTROS DE SAÚDE con capacidade de xestión organizativa, polo menos, en axendas e substitucións.

REDEFINICIÓN DE CUPOS: persoas máximo en cada cupo: non superior a 1.200.

NON A PRIVATIZACIÓN do Sistema Sanitario Público Galego.

En resumo: ELABORACIÓN DUN NOVO PLAN DE MELLORA DA ATENCIÓN PRIMARIA EN GALICIA, POR CONSENSO E CANTO ANTES.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta