Clamor en Galicia contra os recortes e a privatización da sanidade, mentres o PP galego se alía en Madrid coa ultradereita

Miles de persoas secundaron a manifestación en Santiago de Compostela convocada por SOS Sanidade Pública. Ao mesmo tempo, o PPdeG, con Alberto Núñez Feijóo á cabeza, manifestábase en Madrid canda o partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis contra a política do diálogo de Pedro Sánchez co independentismo catalán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2019 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

Miles de persoas secundaron a manifestación en Santiago de Compostela convocada por SOS Sanidade Pública en contra dos "recortes" sanitarios, a "precarización" e o impulso á "privatización" por parte do goberno do PP na Xunta de Galicia, nun momento no que "nunca houbo tal mobilización de profesionais da sanidade".

Manifestación en Santiago de Compostela a prol da sanidade pública
Manifestación en Santiago de Compostela a prol da sanidade pública | Fonte: @anaponton.

Na manifestación estiveron representantes de todos os partidos con representación no Parlamento galego, agás o PP, que preferiu manifestarse este mesmo día en Madrid contra o Goberno de Pedro Sánchez polas negociacións co Govern catalán, canda o partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis.

Tras a pancarta co lema 'Sanidade Pública en Perigo' os manifestantes arrincaron ao mediodía na Alameda con cánticos como 'Feijóo, atende, a sanidade non se vende' ou 'Non á privatización', e co apoio de case unha quincena de colectivos e plataformas galegas, así como de profesionais do sector e traballadores.

A protesta tamén estivo apoiada polos líderes dos principais partidos da oposición, Luís Villares (En Marea), Gonzalo Caballero (PSdeG) e Ana Pontón (BNG), que puxeron o foco sobre a presenza, precisamente este domingo, de Feijóo na protesta en Madrid convocada contra o Goberno de Sánchez en lugar de atender as demandas da sanidade galega.

A manifestación enmárcase nun contexto de conflitividade na sanidade galega, marcado pola folga de traballadores de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a dimisión dos xefes de Atención Primaria da área de Vigo ou das protestas do sector de ambulancias, como puxeron de manifesto desde a Plataforma SOS Sanidade Pública.

Manifestación sanidade Santiago de Compostela
Manifestación sanidade Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Manuel Martín, portavoz da Plataforma, denunciou "que toda a cidadanía e traballadores sanitarios están absolutamente en rebelión porque é inadmisible que un bo sistema como o de hai anos sexa desmantelado polo afán de Feijóo de dar unha oportunidade ás multinacionais privadas que están a desembarcar en Galicia".

Neste sentido, remarcou que un dos capítulos máis "deteriorados" nos últimos anos é o de "persoal", ante a masificación das consultas, pero tamén pola precarización xerada polos "contratos de días, semanas ou mesmo de horas" no Sergas, que provoca que "por primeira vez todos os colectivos da sanidade estean mobilizados".

Unha "precariedade", "fatiga e saturación" dos profesionais, na que incidiu Ramón Beiras, médico e portavoz da Plataforma na Coruña, que atribúe a que "todo o diñeiro que se destina aos negocios de particulares e empresas que fai o PP en Galicia non vai á xente" nunha sanidade que "é de todos os galegos, non de Feijóo para facer os seus negocios e favorecer a empresas".

"Empezas moi ben o día, chegas ao oito da mañá, pero o problema é que ao dez empézanse a acumular persoas con urxencia, porque non tiñan cita, acabamos ao catro ou ao cinco e ás veces dicíndolle á xente que non os podes atender", explicou, sobre a situación diaria dos médicos de cabeceira en Galicia.

Coa mobilización deste domingo, os colectivos participantes denunciaron que coa escusa da crise económica, o goberno de Feijóo reduciu "desde o 2008 un 20% o gasto sanitario, suprimindo máis de 1.000 prazas de persoal e 500 camas hospitalarias".

O "resultado" desta estratexia móstrase no "mantemento e ocultación de listas de espera", "masificación de consultas de atención primaria" con ata 60 pacientes por médico ao día, a "deterioración" dos Puntos de Atención Continuada, "o colapso" das Urxencias de hospitais ou a dimisión de xefes de Servizo de Vigo.

Para frear "o amiguismo político, os conflitos de intereses e as portas giratorias dos xerentes dos hospitais e os cargos públicos", a Plataforma demandou, no seu manifesto central, a apertura dunha mesa de diálogo entre a administración e os responsables políticos.

Na mesma liña, esixiu o aumento do orzamento en Atención Primaria ata alcanzar o 25%, a eliminación da taxa de reposición, a convocatoria de oposicións inmediatas para cubrir as vacantes existentes, a negociación directa "coa xente dos PACS" e dos responsables dos servizos de urxencias.

Os manifestantes reclamaron ademais un tempo de consulta suficiente, a autonomía dos centros de saúde, a redefinición das cotas e a recuperación do catro áreas sanitarias que se eliminaron coa creación das EOXI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

2 tino

xa saeu o troll pepeiro subvencionado a deformar a realidade e negar as cruas evidencias .

1 Galeguiña

Non sei onde ven estes eso do "clamor". Os partidos da oposición galega atoparon nos "recortes da sanidade" (levo escoitando o mesmo dende o 2008) a disculpa para atacar agora ao goberno do PP. Non é casualidade. As eleccións están moi cerca e dende hai meses as folgas dalgúns traballadores do sector son constantemente aireadas polos medios afíns. O que importa é crear un clima favorable a eses partidos nacionalistas, independentistas e de esquerda ( o PSOE tamén, claro. Ten pouco de esquerda pero se non se encama con eles non ten nada que rascar) para ver si así, conseguen un par de diputadiños máis. Esperemos que os galegos, sigan confiando no PP para que a nosa rexión non se convirta nun novo problema para España.

1 enxoito

San Pedro Bendito.

2 acabezanonpara

Pois se temos unha crise en TODOS os sectores galegos e por obra (mais ben desfeita) e gracia (a que lle fai) do señor Feijoo. Se queremos ser unha miseria votade ao PP, se queremos cambio hai que movilizarse e esixirlle aos nosos politicos estar a altura do país

3 Sentidiño

Os médicos de urxencias de Santiago fan folga e os xefes de servizo de Vigo dimiten porque queren que os medios afíns os aireen: será que son todos parvos. Mentres, Feixoo maniféstase en Madrid cos neonazis de Hogar Social e os fascistas de Vox, contra da vontade democrática da maioría dos cataláns. Que se coman con patacas o cadavre do seu querido dictador. En maio non gobernan nin Ferrol.