Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2019 | Actualizada ás 14:24
Ducias de persoas secundaron este domingo na Praza de María Pita da Coruña a manifestación apoiada polo Partido Popular, Cidadáns e Vox celebrada en Madrid "por unha España unida".
A concentración, convocada polo PP provincial da Coruña, comezou ás 12,00 horas na praza do Concello, onde, ao ritmo de 'Que viva España' de Manolo Escobar e portando bandeiras españolas, centos de persoas protestaron contra o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez e pediron "un país unido".
No acto estivo presente a candidata do PP á Alcaldía da Coruña, Beatriz Mato, quen sinalou que "os coruñeses se reuniron para dicir alto e claro ao presidente do Goberno que xa abonda de atentar contra a convivencia".
"España quere seguir sendo o que é, un país unido, e Sánchez ten que respectar este Estado de dereito", apuntou Mato.
Así mesmo, a candidata do PP pediu ao Executivo que "escoite a voz dos coruñeses" xa que, ao seu xuízo, "eles saben moi ben o que é que o Partido Socialista claudique ante os podemitas de En Marea".
"Levámolo padecendo aquí catro anos e agora, unha vez máis, a claudicación do PSOE faise máis grande cando rendéndose aos podemitas e aos separatistas de Cataluña castiga a Galicia e por tanto tamén castiga á Coruña cuns Orzamentos Xerais do Estado que son absolutamente inasumibles e inaceptables", engadiu.
Neste sentido, apuntou que os coruñeses "queren unhas eleccións xa", e pediu a Sánchez "que non dobre o xeonllo ao chan ante os podemitas e os independentitas" e que "cumpra coa palabra coa que chegou ao Goberno".
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así como o vicepresidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, e o número dous do PPdeG, Miguel Tellado, acudiron este domingo á protesta en Madrid ante "a vontade de Pedro Sánchez de render España aos pés de Torra". Unha manifestaciíon na que tamén estivo presente a ultradereita, representada por Vox e grupos neonazis e falanxistas como Falange Española de las Jons, Hogar Social e España 2000.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.