O Sergas cualifica de "falsas" as demandas dos que participaron na manifestación en defensa da sanidade pública

O xerente do Servizo Galego de Saúde defende que o "sistema sanitario galego é moi bo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2019 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, defendeu que o "sistema sanitario galego é moi bo" e hai que estar "orgulloso" del, e lamentou que durante as manifestacións convocadas para reclamar melloras, como a deste domingo, se faga "alusión a cuestións que non se adaptan á realidade", na súa opinión.

Representantes políticos na manifestación en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública
Representantes políticos na manifestación en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública | Fonte: BNG.

Aínda que afirmou que "é lexítimo que organizacións políticas e plataformas leven a cabo este tipo de mobilizacións", incidiu en que "o sistema sanitario galego é moi bo" e comprometeu o traballo da Xunta para melloralo.

"Desde a Xunta e o Sergas temos que traballar para seguir mellorando cada día este sistema, tratar de resolver as dificultades que se poden presentar en cada momento" e "para que os galegos se sintan orgullosos do sistema sanitario galego", que para o Sergas é "cada día máis eficaz", manifestou.

Tras mostrar a súa comprensión ante a preocupación cidadá sobre a sanidade, censurou que os convocantes das protestas ou manifestacións realicen en ocasións afirmacións que "non se axustan á realidade".

En concreto, apuntou a que na manifestación celebrada hai case un ano en Santiago de Compostela, en febreiro de 2018, tamén se "dicía que se ían pechar os hospitais comarcais, o que era absolutamente falso, tamén se dicía que a lei de garantías tiña por obxectivo privatizar o sistema, e un ano despois da entrada en vigor 43.000 pacientes foron operados e fixéronse probas diagnósticas dentro do Servizo Galego de Saúde", dixo.

Nesta liña, reprochou que se fagan "manifestacións que non se axustan á realidade" porque "os cidadáns teñen que ter confianza no sistema sanitario".

Con respecto ás carencias en Atención Primaria, incidiu en que "hai unha dificultade importante" non só en Galicia senón en "todo o Estado español", derivado de que "se xunta o incremento da cronicidade" e coa "dificultade que supón que non existan médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria para incrementar a contratación".

Fronte a isto, remarcou que a Xunta adoptou medidas como o incremento da idade de xubilación voluntaria dos profesionais ou o aumento das prazas de MIR en Galicia ou a posta en marcha dun novo procedemento de contratación de persoal para garantir a súa estabilidade.

Fernández-Campa remarcou que "é un problema de todos os sistemas sanitarios de saúde da totalidade das comunidades autónomas".

A pesar diso, desde Galicia pediuse ao Ministerio de Sanidade que se incrementen as prazas MIR, a través dun proceso extraordinario e que libere "xa" a posibilidade de que se poidan realizar máis convocatorias para cubrir máis prazas.

"Son demandas que estamos a facer ao Ministerio que é o que ten as competencias", concluíu o xerente do Sergas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta