Sindicatos prevén "un conflito longo e duro" no sector das ambulancias

Aseguran que non hai ningún tipo de contactos coa patronal. Os empresarios, pola contra, falan de máis de 130.000 euros en perdas por actos vandálicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2019 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A folga de traballadores do sector de ambulancias en Galicia mantén o último día do primeiro tramo de paros un "seguimento total", segundo os sindicatos convocantes --CIG, UGT e CC.OO.--, que prevén "un conflito longo e duro".

Este luns, entre outras mobilizacións, ás 11,00 horas realizaron traballadores unha nova concentración diante da porta principal do Hospital Clínico en Santiago, tras partir en manifestación ata a entrada de Urxencias.

Fontes sindicais indicaron a Europa Press que "entre 60 e 70 persoas" mobilizáronse de novo este luns na protesta no Hospital Clínico baixo a lema 'Por un convenio digno e un servizo público de calidade. Ambulancias en loita', subscrito polo tres sindicatos convocantes.

En declaracións a Europa Press, o representante da CIG Inácio Pavón ratificou que, salvo os traballadores que cobren os servizos mínimos, o resto "están todos en folga". "Cada día hai máis xente nos piquetes", abundou. Sobre a afectación que poida ter a folga, este representante sindical sinalou que "o único" que reciben dos usuarios do transporte sanitario "é apoio". "Non temos ningunha mala palabra de ninguén", afirmou.

CONTACTOS

En relación a se hai novos contactos, por parte do comité de folga confirmaron que "ningún tipo". "Non os esperamos", engadiron, para admitir que están "preparados" para "un conflito longo e duro".

Por parte da patronal, fontes da Federación Galega de Empresarios de Ambulancias (Fegam) indicaron a Europa Press que ata coñecer a contía do novo concurso público do transporte sanitario por parte da Xunta non poden negociar subidas salariais cos traballadores.

Ademais, lembraron que a partir do 31 de marzo pode haber empresas concesionarias actuais do servizo que entren en concurso de acredores.

Tras o primeiro tramo da folga intermitente --entre os días 8 e 11 de febreiro--, o seguinte período será do 18 ao 24 deste mes, tras o que está fixado un terceiro do 4 ao 10 de marzo. Se non hai avances antes, a convocatoria converteríase en indefinida a partir do 20 de marzo.

Protesta de traballadores de ambulancias en Santiago
Protesta de traballadores de ambulancias en Santiago

CRÍTICAS

Por outra banda, os empresarios de ambulancias estiman en "máis de 130.000 euros" os danos a vehículos do transporte sanitario en Galicia durante o conflito que mantén aos traballadores en folga intermitente desde o pasado día 8 de febreiro.

Así o indicaron a Europa Press fontes da Federación Galega de Empresarios de Ambulancias (Fegam), que concretaron que foron "55 vehículos" os danados, incluída a ambulancia queimada en Tui (Pontevedra) uns días antes do inicio da folga do persoal de ambulancias. Aínda que as mesmas fontes puntualizaron que os empresarios seguen coa avaliación total dos danos porque aínda teñen "algúns pendentes" de cuantificar.

Entre outros danos, fontes da patronal apuntaron picadas de rodas, pintadas, danos ocasionados polo lanzamento de ovos crus e bombas fétidas, así como a unidade queimada en Tui.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta