Temas: VACINAS GRIPE

Médicos aconsellan permanecer en casa en caso de gripe ata pasar 24 horas sen febre

En Galicia xa se produciron 625 ingresos por esta patoloxía e 24 falecementos, dos cales 16 non estaban vacinados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2019 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Medicina Interna (Sogami) aconsella "permanecer en casa" en caso de padecer gripe e non saír ata pasar 24 horas sen febre. O doutor Ramón Rabuñal, médico internista pertencente a Sogami, que traballa na Unidade de Enfermidades Infecciosas do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo, aposta por "algúns consellos básicos" para non incrementar a propagación do virus da gripe, "nun momento no que en Galicia xa se produciron 625 ingresos por esta patoloxía e 24 falecementos, 14 deles vinculados directamente ao virus", matiza.

Vacina da gripe.
Vacina da gripe.

Ademais, dos 24 falecidos, 16 non estaban vacinados, lembrou esta sociedade científica. Respecto diso, o doutor Rabuñal explicou que no caso de que unha persoa presente síntomas da gripe, "aínda que sexan leves, non debe visitar a enfermos, xa que pode agravar a súa situación". 

"Tampouco debe acudir a lugares onde haxa persoas especialmente vulnerables —tales como maternidades, residencias de anciáns— así como aqueles onde se concentre un gran número de persoas —lugares de traballo, centros comerciais—", comentou.

En xeral, en caso de gripe, engade, "aconséllase que o enfermo permaneza en casa dous ou tres días, e non saír do domicilio ata que pasen 24 horas sen febre, en caso de sufrila, e sen medicación para atallala".

Rabuñal lembra que "ata un 40% da poboación de risco non se vacina". Entre as causas, o especialista sinala "o descoñecemento, pero tamén o medo aos presuntos efectos secundarios".

"Desde un punto de vista científico, non se pode dubidar da efectividade das vacinas. Aínda que non son a panacea, teñen entre un 70 e 80% de efectividade, e está demostrado que axudan a que non se adquira a infección ou que esta se desenvolva con menor intensidade", concluíu.

Temas: VACINAS GRIPE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta