O alcalde de Barreiros séntese "aliviado" logo da absolución e denuncia un intento de tomar "o goberno con malas artes"

Alfonso Fonte asegura que "tiñamos claro que obrabamos de maneira correcta" e que por iso "algúns terán que facer exame de conciencia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

O alcalde de Barreiros (Lugo), Alfonso Fonte Parga, mostrouse este martes "aliviado" tras a sentenza absolutoria na causa en que foi procesado por suposta prevaricación urbanística, e reprochou ao bipartito da Xunta formado por BNG e PSOE de tentar "conseguir o goberno con malas artes".

Así, Fonte Parga volveu a cargar contra o goberno bipartito da Xunta (2005-2009), tras a sentenza absolutoria do alcalde e cinco concelleiros do equipo de goberno e a arquitecta municipal da acusación de prevaricación urbanística en relación á concesión de licenzas para máis de 40 promocións, 3.000 pisos, en 2006.

Doce anos despois, o alcalde confésase "aliviado", á vez que proclama que era un fallo xudicial que "esperaba". "Tentouse conseguir o goberno con malas artes e a través da Xustiza, con malas artes e sen importarlles arruinar a Barreiros, arruinar aos veciños que perderon os seus traballos", lamentou.

O rexedor de Barreiros asegurou que tanto el como o seu equipo de goberno sempre tiveron "a conciencia moi tranquila". "Tiñamos claro que obraramos de maneira correcta. Haberá algúns que terán que facer un exame de conciencia para saber se obraron correctamente despois de todos estes anos e saber o que conseguiron para Barreiros", sostivo.

A paralización do urbanismo obedece, na súa opinión, a "unha intervención política do bipartito". "Non lles importaba nada os veciños nin Barreiros, senón o que querían era intervirnos", afirmou. "Non miraron o que ocorría na costa, noutros concellos, senón só o que pasaba en Barreiros, así se iniciou todo. Había un alcalde do PP en Barreiros, e había que atacalo, fundilo, dáballes igual persoalmente", sostivo.

DANO AO URBANISMO

A respecto, lamentou o dano que se fixo ao "urbanismo" neste municipio, ademais de pór de manifesto que "houbo moitos veciños que tiñan as súas leiras vendidas, había traballo, había construción e logo veu a crise, pero en Barreiros dous anos antes paralizouse todo". "Parouse todo e iniciáronse revisións das licenzas concedidas e ao final todo para nada, senón para arruinar a un pobo e agora criticar esta situación", censurou.

Fonte Parga argumentou que "se non se paralizou neses dous anos a maioría dos edificios en construción, que hoxe nos laiamos porque é feísmo, resulta que estarían concluídos (os edificios)". "Había interese en vir á costa, a Barreiros e hoxe está como está por esa intervención. Moitos terán que pensar o que conseguiron con isto, porque o goberno non o conseguiron", abundou.

Preguntado sobre se volverá presentarse, o alcalde de Barreiros avanza que esta semana o decidirá. "Co xuízo non se falou do tema. Estabamos á espera de que saíse a sentenza, se non saíse en quince días apoiásemos outra lista. Agora coa sentenza falaremos entre todos", apostilou.

Tamén sobre o seu regreso ao PP, tras darse de baixa para afrontar o proceso xudicial, Fonte Parga comentou que "non é cuestión de se es militante ou non. Hai moitos concelleiros e alcaldes que non son militantes do partido, iso é o menos importante si imos volver a militar ou non". "Barreiros desde hai moitos anos sempre foi un concello que arrimou á dereita que sempre gañou as eleccións con maioría absoluta e non só nas municipais", concluíu.

O alcalde de Barreiros, Alfonso Fonte Parga, chega aos xulgados
O alcalde de Barreiros, Alfonso Fonte Parga, chega aos xulgados

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta