Lanzan unha campaña para sensibilizar a rapazada sobre o cancro infantil

A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia pretende incentivar a investigación desta enfermidade e dar a coñecer a importancia das doazóns. Levarán este tema ás aulas para facilitar tamén a "integración" dos nenos e nenas afectados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog) pon en marcha unha campaña de "sensibilización e divulgación" do cancro infantil subvencionada pola Fundación Inocente Inocente.

O "obxectivo primordial" na loita contra o cancro infantil, asegura esta asociación, "é garantir a supervivencia e a mellor asistencia clínica posible". Con todo, "tamén resulta importante dar a coñecer á sociedade a realidade do cancro infantil e incidir e fomentar campañas de información e sensibilización da sociedade", engade.

Ese é precisamente o fin perseguido por esta iniciativa: "dar a coñecer a enfermidade e a súa problemática" no ámbito da sociedade galega, así como o labor de Asanog "en favor do mellor benestar dos nenos e familias tratados en Galicia".

A iso súmase incentivar a investigación do cancro infantil como "o medio máis eficaz para chegar a erradicar a enfermidade algún día". Así mesmo, tamén pocuran fomentar a doazón "como recurso imprescindible para moitos enfermos, informando á sociedade dos medios, das formas de doazón e das súas consecuencias".

A campaña aposta por levar esta información á poboación escolar, de xeito que sirva como "instrumento" facilitador da detección precoz, ademais de favorecer "a integración na vida cotiá e escolar dos sobrevivintes de cancro infantil".

Participantes nunha gala contra o cancro infantil en Vigo.
Participantes nunha gala contra o cancro infantil en Vigo.

Para o desenvolvemento do proxecto, entre outros recursos, empregaranse e difundiranse guías informativas, trípticos, carteis, vídeos promocionais, material educativo destinado á poboación escolar, etc. Todos eles xirarán en relación a unha temática común aos tres eixos ou lemas da campaña, segundo concretou a entidade.

Dito proxecto, que xa está en marcha, presentarase tamén este 15 de febreiro no marco dos actos conmemorativos do Día Internacional do Neno con Cancro, un evento que Asanog desenvolverá este ano en hospitais de Vigo e Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta