O transporte público incluirá paradas seguras en horario nocturno a partir de agosto

A oposición tilda o novo Plan de Transporte como unha "oportunidade perdida" para articular o territorio e insta á Xunta a evitar os "oligopolios".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que o Plan de transporte público que empezará a funcionar a partir do próximo mes de agosto incluirá a posta en marcha de "paradas seguras" en horario nocturno en case 2.000 liñas de autobús de Galicia. Delas poderán beneficiarse mulleres, persoas maiores, menores que viaxen sós e usuarios con mobilidade reducida.

Así o destacou este martes durante a súa comparecencia a petición propia no pleno da Cámara, no que informou de que a Xunta tamén prevé pór en marcha varias liñas nocturnas e con horarios adaptados ás quendas de determinados grandes centros de traballo como PSA Citröen.

Na súa intervención, Ethel Vázquez asegurou que o Goberno galego priorizará a "calidade" fronte aos criterios económicos no plan de transporte público de Galicia, cuxa primeira fase se porá en funcionamento o próximo mes de agosto.

Estudantes nun autobús escolar
Estudantes nun autobús escolar

O proxecto renovado suporá a entrada en vigor de 100 proxectos de explotación para unhas 2.000 liñas. A conselleira explicou que este centenar de novos contratos están actualmente a información pública e correspóndense coa "práctica totalidade das liñas de Ourense e Lugo", así como con determinadas zonas das da Coruña e Pontevedra.

Segundo apuntou, a primeira parte do plan implicará que o 35% do transporte escolar pasará a ser de autobús compartido en agosto. Ademais, a finais de ano, aló polo mes de decembro, esta modalidade suporá o 55% do transporte escolar.

Tamén detallou que a entrada en vigor destes 100 novos proxectos permitirá duplicar os quilómetros que agora percorre o transporte público en Galicia e ofrecer "máis oportunidades de mobilidade" aos galegos en termos de "igualdade, seguridade, sustentabilidade e eficiencia social".

EMPREGO

A conselleira destacou que o seu departamento deseñou os novos contratos para máis de 1.000 autobuses, "pensando nas pequenas e medianas empresas" e para garantir que estas poidan acceder á prestación dos servizos.

Así mesmo, indicou que estes novos proxectos se "traducen en emprego", xa que contemplan un mínimo de máis de 1.100 condutores, que teñen garantida a subrogación, e a case 900 acompañantes. "Estes 2.000 novos postos de traballo constitúen unha das motivacións para seguir traballando e implementar todas as liñas en 2019", puxo en valor Ethel Vázquez.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén sinalou que os novos contratos representan un volume de negocio de 60 millóns de euros anuais durante 10 anos. Deles, indicou que "45 millóns son directamente achegados pola Xunta como obrigas de servizo público".

"Por tanto, un traballo inxente, multiplicando servizos, mantendo a cobertura territorial", manifestou a conselleira, que destacou que "con estas modalidades" blíndase "o transporte escolar" con "cláusulas sociais de referencia".

CRÍTICAS DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN

O primeiro deputado en intervir tras a comparecencia da conselleira foi o nacionalista Luís Bará, quen criticou que Ethel Vázquez acuda á Cámara a "vender fume" cando a Xunta levou a cabo esta modernización "por imperativo legal" tras cometer unha "ilegalidade" en 2010 ao "prorrogar por dez anos" as concesións.

"Agora teñen que andar de présa e correndo", manifestou Luís Bará, que asegurou que o plan de transporte público é "moito máis" que o plan da Xunta. "Vostedes decidiron apostar por unha visión curtopracista porque non teñen unha visión integral da mobilidade sustentable e segura", indicou.

Así mesmo, considerou que o plan posto en marcha polo Goberno galego só conta co apoio da administración e non inclúe cuestións como "un estudo do impacto ambiental" ou unha análise da demanda.

Pola súa banda, o socialista Luís Álvarez censurou que para a redacción deste plan a Xunta rexeitase o traballo dos funcionarios públicos para "externalizar" os labores a unha "serie de consultoras" que, segundo indicou, teñen "certo descoñecemento" da realidade territorial de Galicia.

Ademais, instou o Executivo autonómico a crear un "marco" no que se lle permita ás pequenas e medianas empresas do transporte manterse "dignamente" e defendeu a necesidade de que as administracións públicas "interveñan para evitar oligopolios" en sectores nos que o mercado teña un "papel comunitario" como no caso do transporte.

Por último, o deputado de En Marea Antón Sánchez lamentou que o novo plan de transporte público supuxese unha "oportunidade perdida" para articular Galicia e acusou a conselleira de levar a cabo unha "carreira continua de improvisación e opacidade".

Ademais, censurou que tamén se perdese unha oportunidade para "reestruturar o sector" e "dar viabilidade ás empresas no "horizonte dos próximos 20 anos" mentres "se favorecen os oligopolios empresariais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta