Desactivados cinco puntos de venda de droga en contornas escolares durante o primeiro trimestre do curso

Máis de 600 centros educativos participaron, ademais, no Plan para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar, con cuestións referidas ao correcto uso das novas tecnoloxías ou á problemática da violencia de xénero.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

As actuacións de vixilancia na contorna de centros escolares no primeiro trimestre do actual curso supuxo a desactivación de cinco puntos de venda de droga, dúas na provincia da Coruña, dúas na de Lugo e un na de Pontevedra. En total, leváronse a cabo 4.847 actuacións de vixilancia en 617 centros.

Estes datos puxéronse de manifesto na reunión da Comisión Autonómica de Seguimento do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar, presidida na Coruña polo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

Nela fíxose balance tamén das actividades formativas levadas a cabo nos centros escolares sobre cuestións como os riscos derivados do uso das novas tecnoloxías, a violencia de xénero ou o consumo de drogas e alcol.

Segundo explicou o delegado do Goberno en Galicia, no primeiro trimestre do curso 2018-2019 aumentaron un 36% os centros educativos que suman a formación en seguridade á súa oferta extracurricular.

MÁIS DE 600 CENTROS

En concreto, foron 661 as escolas e institutos que participaron desde setembro nas actividades formativas desenvolvidas por Garda Civil e Corpo Nacional de Policía, 176 máis que no mesmo período do curso anterior.

Para o delegado do Goberno trátase duns datos que reflicten o "éxito" dun programa que viu tamén incrementado "nun 10%" o número de menores que participan nestas propostas formativas, ao superar os 28.500 alumnos.

Entre pais, estudantes e profesorado, foron 30.791 as persoas participantes. Da temática, Losada destacou, en especial, o interese por temas como a violencia de xénero ou o consumo de drogas.

Xunto a estes labores formativos, o delegado do Goberno subliñou, ademais, os "labores de seguridade" na contorna escolar para "controlar o menudeo da droga".

BALANCE DE 2018

Na reunión, achegáronse tamén os datos correspondentes ao ano completo 2018 (que inclúen as actividades de trimestres de diferentes cursos académicos). O ano pasado, 1.211 centros de Galicia presentaron a súa solicitude para participar no Plan Director.

O total de participantes ascendeu a 112.000 persoas e o número de actividades formativas foi 3.096. Pola súa banda, as Forzas de Seguridade efectuaron case 13.500 vixilancias na contorna de centros educativos e desactivaron oito puntos de venda de droga.

Reunión comisión plan convivencia escolar. DELEGACIÓN DO GOBERNO
Reunión comisión plan convivencia escolar. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta