O BNG censura que o acordo con Marrocos "lexitima a ocupación" do Sáhara

A eurodeputada Ana Miranda critica a "dobre moral" de PP, PSOE e Ciudadanos por pedir respecto polo dereito internacional, pero "deixar de aplicar esas regras" cando se trata da relación con estoutro país.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, censura que o acordo pesqueiro da UE con Marrocos, ao que deu luz verde este martes a Eurocámara, "viola o dereito internacional". Miranda mostra así o seu rexeitamento a un tratado que "lamentablemente lexitima a ocupación ilegal" do Sáhara Occidental co obxectivo de "comprar" o acceso aos caladoiros deste territorio.

Ana Miranda (BNG). BNG - Arquivo
Ana Miranda (BNG). BNG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Ademais, a nacionalista critica que se chegou a este acordo "sen o consentimento do pobo saharauí, xa que foi excluído o Frente Polisario, en contradición directa coa sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo".

Neste sentido, carga contra a "dobre moral" de partidos como o PP, PSOE e Ciudadanos, a quen acusa de incoherentes por pedir respecto polo dereito internacional, pero "deixar de aplicar esas regras" cando se trata de relacións con Marrocos. 

Asemade, quéixase de que este acordo converte en "reféns" os consumidores, posto que non van poder diferenciar os produtos marroquís dos saharuís ao aparecer 'Marrocos' como lugar de procedencia na etiquetaxe de ambos.

Lembra que, xa en febreiro de 2018, o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas declarou que o anterior acordo de pesca non era aplicable ao Sáhara Occidental en virtude do dereito internacional. A isto únese que agora a Eurocámara rexeita pedir ao Tribunal de Xustiza da UE (TJUE) que avalíe a súa legalidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta