O SERGAS busca a mediación de Relacións Laborais para o conflito das ambulancias

A patronal e os sindicatos coinciden que o concurso que presenta o SERGAS para a contratación do servizo de ambulancias, é deficitario.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) solicita ao Consello Galego de Relacións Laborais "accións de mediación" entre os empresarios do sector de ambulancias e os sindicatos que teñen convocada folga intermitente para que se negocie un novo convenio.

Segundo a petición remitida o Sergas sinala que entende que os servizos prestados por estas empresas "son dunha importancia significativa nunha organización sanitaria", polo que pide ao Consello Galego de Relacións Laborais "promover as accións de mediación que considere adecuadas con obxecto de facilitar os acordos necesarios entre as organizacións sindicais e empresariais para poder solucionar a situación".

A Administración sanitaria lembra no escrito remitido ao Consello de Relacións Laborais que os sindicatos UGT, CC.OO. e CIG convocaron folga de traballadores afectados polo convenio colectivo do transporte sanitario entre o 8 e 11 de febreiro, o 18 e 24 deste mes e do 4 ao 10 de marzo, tras o que pasaría a indefinida desde o 20 do próximo mes. Pola súa banda, a Federación Galega de Empresarios Ambulancias (Fegam) demandou este mércores á Xunta que "faga pública a dotación do novo concurso", mentres que apela á "responsabilidade" dos sindicatos.

A través dun comunicado de prensa, a Fegam lembrou, ante as declaracións deste mércores dos portavoces dos sindicatos CIG; CC.OO. e UGT que, "tal e como se lles comunicou o pasado mes de decembro, non pode negociar un novo convenio colectivo". Iso, concretaron, obedece a que "a Fundación Pública 061 xa anunciou un novo concurso, pero non así a dotación do mesmo, o que imposibilita que os empresarios saiban con que orzamento contan para negociar cos traballadores a subida que demandan (de ata un 30% en cómputo global)".

"Neste sentido, patronal e sindicatos coinciden en que o concurso é deficitario, feito este que levou aos empresarios, con máis de cinco millóns de perdas anuais no seu conxunto, a presentar o pasado mes de decembro a súa renuncia ao contrato vixente", indicou a Fegam.

Como segundo condicionante, os empresarios apuntan que, ao tratarse dun concurso público, "poden optar aos lotes empresas que agora mesmo non son as adxudicatarias dos mesmos". "E aínda que non é ilegal que sexan os empresarios actuais os que negocien, a Fegam considera pouco correcto pechar un aumento salarial para os próximos anos, sen contar cos novos orzamentos", engade. "O obxectivo é asinar un convenio que se poida cumprir no futuro por parte da patronal", subliña.

Por outra banda, a patronal explica que a día de hoxe os traballadores que dependen das empresas concesionarias do 061 "cobran puntualmente os seus salarios, a pesar das perdas millonarias (ata cinco millóns de euros anuais) que están a sufrir os empresarios do sector por culpa dun concurso deficitario e dunha serie de custos sobrevindos". Así mesmo, os empresarios "queren deixar claro, e así o comunicaron en diversas ocasións, que o 30 de marzo non deixarán de pagar as nóminas, senón que esa data é a que se marcaron algunhas empresas para iniciar os trámites da súa entrada en concurso de acredores ao non poder seguir facendo fronte co seu patrimonio ás perdas ocasionadas polo servizo que prestan".

A patronal de ambulancias tamén sinalou que a "sabotaxe" aos vehículos do 061 que sufriron as empresas nos últimos días "non só prexudican aos empresarios, senón que están a causar serios trastornos á cidadanía, a pesar de que se tentan remplazar canto antes as unidades danadas". Neste contexto, a Federación Galega de Empresarios Ambulancias solicita "responsabilidade aos traballadores e celeridade á administración de cara ao novo concurso".

Mentres, o 061 expresou este mércores, nun comunicado, a súa "condena" ás "sabotaxes e actos vandálicos" producidos ao longo da primeira convocatoria de xornadas de folga "contra os recursos do servizo público galego de urxencias e emerxencias sanitarias". Esta convocatoria, que tivo lugar entre o 8 e 11 de febreiro, "terminou con 69 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e avanzado con picadas nas rodas e con máis de 20 vehículos que rexistraron diferentes accións vandálicas como pintadas e cristais rotos, entre outras", segundo o balance achegado polo 061.

Urxencias Sanitarias lembra nun comunicado que como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario en Galicia, ten "a consideración de servizo esencial para a poboación e, por tanto, os servizos mínimos establecidos durante a convocatoria de folga son do 100%". Con todo, esta fundación pública lembra que a convocatoria de folga enmárcase "no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos de emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia".

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Archivo
Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta