“É tan válida unha persoa neofalante coma outra que leva falando galego dende sempre”

O sociolingüista Anik Nandi aposta por aumentar o prestixio do idioma porque "hai xente que o fala e non o valora". Os neofalantes non son decisorios, pero actúan como motor da lingua. O inconvinte, os comentarios negativos que sofren. "Un rapaz contestoume un chío preguntando como ía facer fóra de Galicia se sempre falo en galego. Eu pregunteille entón que facía el cando saía fóra de España”, comenta Alba, neofalante.

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 14/02/2019 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

“Hai unha falta de planificación de prestixio do idioma. Ti podes dar poder a unha lingua, pero non podes asegurar que a xente a siga falando”. Este é parte do diagnóstico sobre a situación do galego que fixo Anik Nandi, sociolingüista bengalí experto na transmisión interxeracional da nosa lingua. Segundo el, "fai falta abrir outros camiños” para asegurar o futuro do idioma e eses novos carreiros non deben basearse só en depositar toda a esperanza nos neofalantes.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com

O investigador ten claro que as persoas que se enmarcan no colectivo do neofalantismo posúen un papel ben importante. “Aínda que sexan unha minoría, son unha xente moi activa, e ese activismo tamén atrae outras persoas que se senten identificadas con ese discurso minoritario”, concede. 

Porén, recoñece “ter dúbidas” sobre se serán elas o futuro do galego. Defende a súa postura botando man das cifras: o número de neofalantes mantense máis ou menos sen variacións dende os anos 80, di, mentres que imos sendo espectadores dunha “perda de falantes” xeral. Ante este fenómeno, a liña de actuación que cre preciso seguir é a de “crear máis espazos para o galego en varios contextos públicos”.

E é que, para este sociolingüista hindú que prendeu no galego, a escolla da lingua non vén determinada pola contorna familiar ou pola liberdade individual, senón que está “bastante controlada” polo sistema educativo, o status da lingua minoritaria, as situacións que vivimos no día a día e, en xeral, pola “nefasta” política lingüística da Xunta.

A RESPONSABILIDADE INDIVIDUAL

Ademais, alerta sobre os efectos contraproducentes de “establecer xerarquías entre a propia xente que fala galego” porque “fai moito dano á lingua”. No canto diso, apela a ampliar o punto de mira e non esquecer que o neofalantismo non é a única realidade de Galicia. “É tan válida unha persoa que decidiu dar o paso e ser neofalante coma outra que leva falando galego dende sempre”, opina Anik Nandi.

O sociolingüista da India Anik Nandi desenvolveu unha tese sobre a transmisión xeracional do galego.
O sociolingüista da India Anik Nandi desenvolveu unha tese sobre a transmisión xeracional do galego.

De feito, el cre que unha das partes máis importantes é traballar arredor do “prestixio” do idioma, porque “hai moita xente que o fala a diario e non o valora”. Precísase amosar que a nosa é unha lingua tan útil como o pode ser o francés, o inglés ou o italiano; e que, ademais, tamén nos conecta con toda a comunidade lusófona.

Nun contexto no que os factores parecen aliñarse en contra do crecemento do galego, cobra moita relevancia a toma de conciencia, “que é o que nos está faltando”. “Nós temos que tomar ese control e recoñecer o poder do individuo”, afirma Anik Nandi, sobre a importancia de asumir a responsabilidade persoal de cadaquén para manter viva a lingua: “O noso deber é falar galego. O galego existe porque existen os galegos. Se imos miguiña a miguiña, imos construír identidade”

EXPERIENCIAS DE NEOFALANTES

Unha idea semellante foi a que provocou que Brais González, mozo vigués de 22 anos, decidira mergullarse na aventura do neofalantismo. “Foi, basicamente, por coherencia”, explica Brais, “por razóns ideolóxicas, pero non soamente por iso”. Ir mudando o castelán polo galego semella, no seu caso, un acto de contestación individual fronte ás “claras intencións institucionais de menosprezo da lingua”.

Se ben non cre que os neofalantes poidan asegurar por si mesmos o futuro do idioma ”non somos os suficientes”, coida que eses pasos poden encamiñarse cara a unha “aposta polo galego e por Galicia”, algo que non ve que se estea dando aínda na sociedade.

Alba Rodríguez é outra xove viguesa que comezou a súa andaina como neofalante neste 2019. Fíxoo en forma de propósito de aninovo e vai compartindo o proceso a través da súa conta de Twitter.

Admite, iso si, que non é un cambio doado custa, sobre todo, levalo fóra das redes— e explica que sempre se bate con algún comentario negativo, “aínda que non se lles pode facer caso”. A modo de exemplo, comparte unha conversa de Twitter na que se viu envolta: “un rapaz contestoume un chío preguntando como ía facer cando saíse fóra de Galicia se falo sempre en galego. Eu pregunteille entón que facía el cando saía fóra de España”.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Cachamuíña

Neofalantes, "Vellofalantes", falantes sen máis, castelán falantes, falantes bilingües...todos son válidos para a língua. Todos son galegos falen a língua que falen e sintan o que sintan en función das súas identidades individuais. Afortunadamente, a "validez" persoal non depende da língua ou da identidade de cadaquén...salvo para algúns, claro

1 uu1

A validez duma pessoa não se mede pela língua que fala, pode ser o inglês, o japonês, o chinês, o francês, o castelhano ou o galego. Pero aqui estamos a falar da supervivência do idioma galego, um idioma discriminado e em perigo de extinção, e pelo tanto para a supervivência da língua de Galiza (textual do estatuto de autonomia) a validez a tenhem todos aqueles que falem galego

1 Uu1

Um neofalante pode ser muito mais valioso porque essa pessoa pode passar a linguagem para seus filhos. O futuro da língua galega e de todos as outras passam pela transmissão geracional