Os traballadores dos PAC votarán o luns o borrador do Sergas, ao que reprochan "as présas"

O documento presenta novidades referidas ao cómputo da xornada laboral e aos complementos de nocturnidade e festividade. Dende o comité de folga critican que, cos prazos establecidos para a súa aplicación, "moitos xa estarán xubilados".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

Os traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) teñen previsto votar o luns día 18 o borrador entregado este mércores polo Sergas aos sindicatos, en relación ás súas demandas de mellora.

Deste xeito, o comité de folga confirmou a Europa Press que sobre 900 traballadores dos PAC de Galicia -entre médicos e persoal de enfermaría- están chamados a votar o documento entre as 9,00 e as 12,00 horas nas diferentes áreas sanitarias.

En relación a iso, a integrante do comité de folga, Ana Boedo, manifestou a Europa Press que convocan a votación con urxencia porque o Sergas fixou outra mesa sectorial sobre os PAC o luns pola tarde.

"Como poden dicir nunha primeira reunión, hai un ano, que non lles consta o contido dos nosos problemas? É unha primeira mala contestación", reprochou esta representante do comité para criticar que "agora non pode vir con esas présas".

PUNTOS PERFILADOS

Sobre o documento facilitado aos sindicatos -que se comprometeron a ter en conta a opinión dos traballadores dos PAC antes de asinar nada, segundo asegurou Boedo-,  o comité apunta que "perfilaron algún punto máis" en relación ao cómputo de xornada para que garanta a neutralidade no cálculo, que agora inclúe aspectos como o permiso de paternidade.

Como novidade, Boedo trasladou que inclúe "a maiores" o 20% do complemento de nocturnidade e festividade que reclamaban, pero criticou que "o fan nuns prazos", a razón do 40% dese 20% a percibir en 2020 e o 60% en 2021. "Moitos xa estarán xubilados", concluíu.

Protesta de persoal dos PAC fronte ao Parlamento de Galicia.
Protesta de persoal dos PAC fronte ao Parlamento de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta