Operación antidroga na Coruña: catro detidos e cinco quilos de cocaína intervidos

Tamén se achou medio quilo de heroína e 118.000 euros en metálico, ademais de constatarse a distribución de sustancias ilícitas dende Sada a distintas comunidades

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O Equipo de Delincuencia Organizada e Antidrogas da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil da Coruña detivo catro homes en Sada como presuntos autores dun delito contra a saúde pública logo de intervirlles cinco quilos de cocaína e medio de heroína.

A investigación iniciouse no mes de marzo de 2018, cando a Garda Civil comezou a sospeitar de que un veciño da localidade de Sada podería estarse desprazando ata Vilagarcía para obter sustancias estupefacientes que, posteriormente, distribuía a distintos puntos do país.

Tras esas investigacións policiais e tras efectuar catro rexistros en domicilios de Sada, Viveiro, Vilagarcía e Bilbao, lográronse intervir cinco quilos de cocaína, medio quilo de heroína, 118.000 euros en metálico e catro vehículos de gama medio-alta. Tamén se puido constatar a distribución das sustancias ilícitas a distintas comunidades.

As dúas primeiras detencións producíronse en Bilbao, cando se sorprendeu in fraganti ao veciño de Sada realizando unha transacción de cinco quilos de cocaína. Nun rexistro posterior achouse medio quilo de heroína e diñeiro en metálico. Seguidamente, produciuse a detención doutro receptor en Viveiro e da parella do vendedor no seu domicilio de Sada. A operación continúa aberta á espera de novas detencións.

Droga intervida nunha operación da Garda Civil da Coruña. GARDA CIVIL
Droga intervida nunha operación da Garda Civil da Coruña. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta