Rescatado un mergullador en Muros tras sufrir un accidente no barco no que traballaba

O home tivo que ser evacuado ao Hospital Clínico de Santiago ao presentar síntomas de respirar "con dificultade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

Un operario resultou ferido de consideración e tivo que ser evacuado en helicóptero medicalizado tras sufrir un accidente na embarcación na que realizaba o seu traballo de mergullador na Praia de San Francisco, en Louro, na localidade coruñesa de Muros.

Segundo informou o 112 Galicia, unha persoa alertou o servizo de emerxencias sobre as 11,30 horas deste xoves e solicitou axuda para un mergullador que se atopaba no barco da empresa realizando o labor de limpeza dunha das gaiolas de salmón. Relatou que o traballador respiraba "con dificultade" tras quedar atrapado e ser rescatado polo seu compañeiro, que o subiu á superficie e que o levou ata a praia.

Tras ter constancia dos feitos, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso ao 061, que mobilizou un helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o punto para socorrer ao ferido.

Tamén se informou á Policía Local, aos membros do GES de Muros, á Garda Civil e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, indicaron as mesmas fontes.

O 061, ademais do helicóptero medicalizado, mobilizou unha ambulancia asistencial e o equipo sanitario de Muros. Finalmente, a aeronave evacuou ao ferido, J.J.C.S., de 38 anos, ao Hospital Clínico de Santiago.

Helicóptero medicalizado. JCYL - Archivo
Helicóptero medicalizado. JCYL - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta