O PSdeG di estar "preparado" para as eleccións, ben sexan en "abril, en maio ou ao final da lexislatura"

Acusa os deputados galegos do PP en Madrid de facer "pinza" cos independentistas contra os PGE

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que os socialistas galegos están "preparados" para que as eleccións xerais sexan en "abril, en maio ou ao final da lexislatura" e trasladou o seu apoio ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para que, facendo uso da súa competencia, convoque as eleccións cando crea oportuno.

Así se pronunciou este xoves nunha rolda de prensa ofrecida despois de que o Congreso tombase o mércores o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) presentado polo Goberno de Sánchez, quen mañá prevé informar da súa decisión sobre unha posible convocatoria electoral.

Respecto diso, Gonzalo Caballero subliñou que o Partido Socialista está en "condicións" de ser "primeira forza" en España nas eleccións xerais e de presentar as "mellores candidaturas e o mellor proxecto".

"Se hai eleccións na primavera será unha boa opción pero se considera -Pedro Sánchez- que hai proxectos por desenvolver que necesitan un período maior, contará con todo o apoio", manifestou Caballero, que incidiu en que o PSdeG "está preparado" para esta cita coas urnas.

"PINZA" CONTRA O PGE

Na súa intervención, Gonzalo Caballero instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a explicar "a que intereses serven os seus deputados en Madrid" á vista da "pinza" que, segundo denunciou, fixo a dereita cos independentistas cataláns en contra dos orzamentos do Estado.

Eran, conforme sinalou, uns orzamentos "bos" para a cidadanía, na medida na que permitían subir as pensións, mellorar o salario dos empregados públicos, incrementar as bolsas e as contías para a dependencia e loitar contra a pobreza infantil, entre outras medidas de "prioridade social".

Por iso, Gonzalo Caballero considerou que Feijóo ten que explicar cal é a súa posición política e a que intereses serve. "Hai un ano aplaudía cando o goberno de Rajoy mandou unha carta a cada pensionista galego para anunciar unha subida dun 0,25% e agora di que non a unha subida por encima do nivel de vida", censurou.

Neste sentido, urxiu ao presidente da Xunta a "explicar" se está a servir á maioría dos galegos co seu posicionamento político "ou á estratexia da confortación" que está a pór en marcha a dereita e a ultradereita en España. 

"UNHA COUSA AQUÍ E OUTRA EN MADRID"

Ademais, con motivo da visita que este xoves Pablo Casado realiza a Galicia, Gonzalo Caballero censurou que o Partido Popular di "unha cousa aquí e outra en Madrid" sobre cuestións "fundamentais" como a igualdade entre homes e mulleres.

Deste xeito, aludiu ao apoio do PP no Parlamento galego a unha iniciativa socialista que instaba a rexeitar pactos con formacións que avalan reducir a protección das mulleres mentres Pablo Casado mantén posicións en contra do dereito destas, por exemplo, a interromper o seu embarazo.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta